No día de onte o goberno local de Fene tiña convocada unha Comisión informativa de Organización extraordinaria. Nesta Comisión tratábase de reorganizar a representación nas Comisións Informativas. Esta reorganización faise necesaria logo da expulsión dous concelleiros de Somos Fene do seu grupo político (PDD de Galicia). A expulsión derívase de ter asinado estes a moción de Censura o pasado 6 de xuño, razón pola que o PDD Galicia, partido creado por parte dos integrantes da Marea para as municipais de 2015, expulsou aos seus edís en Fene César Castro e Xoán Manuel Rodríguez.
A partir dese momento os dous concelleiros pasan a ser Non adscritos, tal e como contempla a lei, da nova situación deuse conta no Pleno ordinario de agosto xunto cos informes xurídicos da Secretaría Municipal que así o xustificaban.
Perdidos os dereitos como grupo político dáse unha nova situación na que os dous concelleiros manteñen dereitos individuais. Entre estes dereitos está o de ter presenza en todas as Comisións Informativas.
Toda a oposición, con Gumersindo Galego do PP de portavoz, rexeitou a urxencia da Comisión e polo tanto obstaculizaron que os dous concelleiros teñan representación en todas as comisións vulnerando o dereito á información e os seus dereitos individuais como concelleiros.
Para o BNG de Fene resulta totalmente anormal que se intente paralizar e crispar a vida municipal con asuntos que son de trámite. A actitude da oposición responde á desesperación de ver que o Concello de Fene funciona con normalidade e eficacia con 5 persoas no goberno. Dende que se frustrou a presentación da moción de censura o boicot é total por parte do conxunto da oposición paralizando asuntos importantes como a desafectación da escola do Pedrón de Magalofes para facilitar o arranxo da antena dos radioafeccionados ou o rexeitamento de parte dos acordos do persoal municipal en canto á relación de postos de traballo municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario