venres, 27 de outubro de 2017

COMUNICADO DO BNG EN RELACIÓN AO PLENO DE MOCIÓN DE CENSURA EN FENE

Onte á mañá a primeira hora rexistrouse no Concello de Fene un escrito asinado polo partido Participación Democrática Directa de Galicia, as siglas baixo as que se presentaron ás eleccións os concelleiros de Somos Fene. Neste escrito, dirixido á mesa de idade, reafírmanse na súa decisión de expulsar aos concelleiros César Castro e Xoán Manuel Bastida da súa organización política e, polo tanto, solicitan á mesa de que exclúa do cómputo da votación ao estes dous concelleiros. Visto este escrito e as súas consecuencias, a mesa de idade paraliza o pleno porque non se dan as condicións que marca a lei electoral para a celebración da moción de censura.

A presentación deste escrito reafirma o feito de que estes dous concelleiros son tránsfugas e non están en condicións de asinar unha moción de censura, independentemente de que o procedemento na vía xudicial siga o seu curso normal.

Desde o BNG consideramos que, aínda que nesta ocasión non lles teña saído ben o segundo intento, hoxe é un día triste para Fene. É un día triste porque o partido dos 800 imputados por corrupción, o partido do que quedou “abrumadoramente acreditado” segundo a fiscalía, que se financian cunha caixa B, nun intento desesperado por ocupar os sillóns, apóiase en dous tránsfugas, dous tránsfugas rexeitados por toda a sociedade, rexeitados en numerosas ocasións pola súa propia organización e polas que se dicían afíns.

Queremos agradecer tamén o xesto do partido Participación Democrática Directa de Galicia e o esforzo realizado para confirmar que os dous concelleiros de Somos Fene non os representan.

Dende o BNG emprazamos a toda a oposición de Fene para que, a partir de hoxe, contribúan ao bo funcionamento do Concello.

Nós, pola nosa parte, seguiremos traballando na mesma liña desde agora mesmo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario