luns, 8 de abril de 2019

O BNG xa ten equipo para que Fene funcione de novo

O Bloque de Fene presentou o 6 de abril, cando se cumpreu un ano da moción de censura, a súa candidatura para as eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Foi no local da ACRD O Pote de Maniños nun acto arroupado por moitos veciños e veciñas.

O acto foi presentado pola responsábel local, Digna Faraldo, quen cualificou a moción de censura do PP coa Marea - Somos Fene como “un dos feitos máis noxentos da política municipal deste Concello” e asegurou que “hoxe estamos aquí de novo para que, co voso apoio, fagamos que algo así non volva repetirse xamais.”

Participou tamén o cabeza de lista do BNG pola provincia de A Coruña para as eleccións xerais, Néstor Rego, que amosou ao seu apoio á candidatura de Juventino Trigo para Fene e recalcou que a comarca, a pesar dos diferentes procesos de reconversión, conta cun gran potencial para a construción naval pero necesita dun “novo impulso” para a construción naval civil con carga de traballo e novos empregos, compromiso que o BNG defenderá no Congreso de maneira prioritaria. 



Tamén Ana Miranda, candidata ás eleccións ao Parlamento europeo que se celebrarán conxuntamente coas municipais o 26 de maio, enviou o seu arroupamento ao BNG de Fene a través dun vídeo:

Devolver a dignidade ao Concello de Fene

Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Fene, Juventino Trigo apelou ao cambio iniciado polo BNG até o 6 de abril de 2018 cando un pacto entre o Partido popular e da Marea-Somos Fene, “arrebataron a alcaldía ao BNG.”

O 26 de maio, dixo Trigo, temos unha oportunidade para reiniciar os proxectos que foron paralizados despois da moción de censura, e comprometeuse a recuperar e reforzar os servizos públicos con “reposición de postos de traballo a través de ofertas públicas de emprego”. Tamén fixo fincapé na necesidade de acadar un “Fene democrático, participativo e transparente” e o BNG, afirmou, dará ese novo poder de participación e decisión á veciñanza. Potenciaremos unha páxina web “da transparencia” e para a comunicación do goberno local cos veciños e veciñas de Fene.

Trigo adiantou medidas para a xeración de emprego, entre as que destacou, a posta en marcha de Plans de emprego municipal en coordinación con outras administracións. A inclusión social e igualdade, engadiu, serán prioritarias para o BNG dende o concello.


Candidatura do BNG de Fene ás Eleccións Municipais 2019
Para Juventino Trigo é necesario “rematar cos anos máis grises da política fenesa” polo que pediu o apoio ao BNG para facer “un concello transparente e no que os recursos sexan investidos con rigor e equidade”. En definitiva, devolver a dignidade ao Concello de Fene.








Ningún comentario:

Publicar un comentario