martes, 21 de agosto de 2012

O BNG DE FENE PRESENTA A MOCIÓN NA QUE SE REXEITA A ELIMINACIÓN DA PAGA EXTRA AO PERSOAL DO CONCELLO

“Os nacionalistas reuníronse cos representantes do persoal laboral e funcionario do concello para explicar a moción”

 
O BNG de Fene, na liña da decisión tomada pola organización a nivel nacional, rexeitamos as decisións adoptadas polo Goberno central en materia de política económica que están a provocar un agravamento da crise. O “programa de reformas” executado polo PP só deu como resultados máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica, e un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. A única política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais. 

O último episodio desta errática política económica constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de xullo, que contén medidas destinadas á minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e os empregados públicos, á redución das prestacións por desemprego, á diminución do financiamento do sistema de axuda á dependencia, á liberalización comercial que provocará perdas ao comercio tradicional fronte ás grandes superficies comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE) na imposición asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas. 

Estamos perante unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica. 

No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste concello.

O Grupo Municipal do BNG pediralle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo:

1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.
2. Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
3. Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.


venres, 10 de agosto de 2012

O BNG DE FENE DEMANDA A LIMPEZA DAS ESTRADAS PROVINCIAIS


Os nacionalistas de Fene queremos facer público a demanda cidadá existente ante a falla de limpeza das vías provinciais no concello de Fene. As estradas son as seguintes:
 
 





  






                  CP-1503 Perlio-Lavandeira



 CP-3503 Barallobre-Belelle                 

Esta situación incrementa o perigo nestas estradas e deixa a peóns e ciclistas nunha indefensión total. Ademais da inseguridade no tráfico esta situación de maleza pode causar problemas graves en caso de lume tratándose como é o caso de estradas que pasan por zonas arboradas.
No BNG imos tomar as seguintes medidas, por unha banda esixirlle ao Alcalde que se dirixa á Deputación e arranxe esta situación urxentemente,  por outra banda o noso deputado provincial Xesus Vivero Soto fará a mesma demanda no ente provincial.
Para o BNG este é un exemplo da mala xestión da deputación provincial e tamén é un exemplo de cómo un ente alonxado dos veciños e veciñas non é quen de dar unha resposta acaída aos seus problemas.

mércores, 18 de xullo de 2012

25 de xullo, Día da Patria Galega!

Como todos os anos o BNG de Fene asistirá á Manifestación Nacional do BNG o 25 de xullo en Compostela, desde o noso blog queremos convidarvos a todos os militantes, familiares e simpatizantes a acudir con nós a esta celebración, haberá un autobús e xantaremos todos e todas na Polbería Amador unha vez finalizados os actos. Para máis información e anotarse podedes facelo no noso correo bngfene@gmail.com. 
Anunciamos tamén que dispoñemos no noso local de bandeiras e autocolantes para o cristal do coche coa "estreleira".

RESCATA OS TEUS DEREITOS. EN BLOQUE, PODEMOS!



 

venres, 6 de xullo de 2012

O GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE FENE ABANDONA O PLENO EN PROTESTA POLA PREPOTENCIA DO ALCALDE


O primeiro xoves de mes é o día no que se celebran os Plenos ordinarios no Concello de Fene. O de onte se prevía un Pleno máis con 13 puntos na orde do día na que se aprobaron as tres mocións presentadas polo BNG. Mocións relativas aos recortes da Xunta en formación e emprego, aprobada por unanimidade, unha segunda moción relativa aos recortes da Xunta na eliminación dos convenios polos que se sosteñen as oficinas liquidadoras de impostos dependentes dos Rexistros da Propiedade, aprobada por maioría coa abstención do PP,  e una terceira relativa á situación do sistema financeiro galego, o rescate á banca, a situación das persoas con participación preferentes así como a necesidade de ter una Banca pública galega que defenda os intereses da maioría dos galegos e galegas, tamén aprobada por maioría coa abstención do PP.
Na orde do día tamén figuraba unha proposta do Goberno popular relativa á regulación da terrazas dos locais de hostalaría. O BNG pediulle ao goberno que a retirase para que fose exposta previamente ao sector directamente e ao movemento veciñal. O alcalde retirou o punto da orde do día pero non sen amosar unha actitude prepotente e arrogante fronte as demandas de diálogo do conxunto da oposición.
No último punto da orde do día, Rogos e Preguntas, os nacionalistas como é habitual preguntamos por temas de actualidade que nos preocupan ou que nos transmite o movemento veciñal. A nosa sorpresa foi total cando a preguntas concretas de como se está a executar a prestación do servizo de limpeza mantemento e conserxería das instalacións deportivas pola nova empresa adxudicataria (EULEN) a resposta é defensiva, ofensiva, arrogante e pon na boca dos membros do GM do BNG palabras que nós nunca emitimos, chegando a afirmar que ” é a primeira vez que se sacan estas cousas a concurso e iso é o que vos molesta”.  A realidade é que a empresa recoñece por escrito que non dispón dos medios técnicos que indica o prego, e máis recoñece que nin miraron o documento, e o alcalde lonxe de esixir o cumprimento do prego aprobado, ataca ao BNG pola súa labor de control e seguimento da xestión municipal.
Debido á imposibilidade de contestar, xa que non hai quenda de resposta neste apartado, o GM do BNG decidiu abandonar o Pleno ante a falta total de responsabilidade do alcalde, a prepotencia  exhibida e as mentiras vertidas no Pleno en contestación ás preguntas da representación  nacionalista.


luns, 2 de xullo de 2012

O BNG DENUNCIA O RECORTE DE MÁIS DE 100.000 DE EUROS DE AXUDA PARA CONTRATACIÓN DE PERSOAS NO PARO


“O BNG LEVA  A  PLENO TRES MOCIÓNS PARA QUE O PP DEA MARCHA ATRÁS NOS NOVOS RECORTES” 

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Fene leva ao Pleno ordinario do vindeiro xoves tres mocións relativas aos novos recortes do PP en diferentes eidos.
Por unha banda presentamos una primeira moción sobre o sistema financeiro galego, na que se demanda una Banca Pública, un referendo sobre o rescate á banca e na que se inclúe a solución do problema das persoas afectadas polas participacións preferentes e tamén se demanda una comisión de investigación aos responsábeis das caixas.
Por outra banda presentamos unha segunda moción  para que a Xunta de Galiza revoque o acordo de supresión das oficinas liquidadoras de taxas e impostos vinculadas aos Rexistros da propiedade que van provocar o despedimento de máis de 150 persoas e o alonxamento da xestión tributaria de moitos galegos e galegas. Entre os concellos afectados está Fene xa que a oficina que actualmente presta os servizos de liquidación de impostos está situada en Pontedeume e a partir do 1 de xaneiro a Xunta retiraralle o  servizo.
Por último  presentamos una moción contra os recortes da Xunta de Galiza nos Plans de fomento do emprego e nos Plans de formación. Nesta moción denunciamos o recorte de máis dun 70% das partidas dedicadas á contratación de  persoas no desemprego. Este feito  é dobremente negativo para o noso concello xa que ademais de empregar a unhas 14 persoas o concello beneficiábase dun importante reforzo en materia de servizos, protección civil e atención á dependencia. O BNG propúxolle ao goberno facer un Plan de emprego adicional con cargo ao orzamento municipal. O PP preferiu adiantarlle aos bancos 124.000 € de capital dos cretos bancarios.
Para o alcalde de Fene os bancos están por diante da xente, e as políticas de recortes á xente e de apoio á banca so van traer máis crise e desemprego.


martes, 26 de xuño de 2012

ACAMPADA REIVINDICATIVA EN S. VALENTÍN


EN DEFENSA DO EMPREGO, POLO DEREITO A PRODUCIR
POLO FUTURO DA COMARCA
PARTICIPA !!!

Desde onte á noitiña está instalada unha acampada reivindicativa en S. Valentín, na que participan representantes de diversos colectivos e, especialmente, compañeiras e compañeiros do BNG; entre os que xá estivo onte o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez.
Esta acción pretende reforzar o noso traballo de sensibilización cara á xornada do vindeiro Xoves dia 28.

Hoxe celebraránse actividades para as nenas e nenos, entre as 17 e 19 horas, e logo a partir das 8 haberá debates sobre as problemáticas arredor das que xira a iniciativa ( naval, saneamento da ría…..) e algún que outro acto lúdico para rematar a xornada. 

Agardamos polo voso apoio e participación!!!








venres, 15 de xuño de 2012

Os recortes do goberno popular de Fene resenten a limpeza das instalacións deportivas


O goberno local de Fene, dirixido polo popular Gumersindo Galego, adxudicou* por un ano a limpeza, o mantemento e a conserxería das instalacións deportivas do Concello. Estas instalacións son os pavillóns polideportivos de A Xunqueira e O Ramo, a piscina climatizada de Centieiras e o campo de fútbol de Os Pinares. A nova empresa adxudicataria é a multinacional Eulen  que se levou o contrato por 145.000 €+ 26.100 € IVE que supuxeron unha rebaixa de custes moi importante con respecto á anterior contrato. O resultado desta rebaixa, logo de 15 días de inicio do novo contrato, é a falta de limpeza por falta de medios técnicos necesarios como varredoras de fondos de piscina, aspiradores, medidores de cloro, e outro material que figura no Prego de clausas técnicas aprobado polo Concello. A piscina municipal de Centieiras sofre a falla de limpeza do interior do vaso dun xeito preocupante comezando a acumular verdín  no fondo ademais de nos existir medicións regulares do cloro. O pavillón da xunqueira tamén sufre a falla de medios técnicos para limpeza.
Para o BNG aforrar empeorando os servizos non é un aforro senón un deterioro dos servizos públicos e das instalacións municipais. Desde o BNG esixiremos o cumprimento das condicións nas que se adxudicou o contrato obrigando ao goberno local a supervisar a execución correcta do contrato.