martes, 21 de agosto de 2012

O BNG DE FENE PRESENTA A MOCIÓN NA QUE SE REXEITA A ELIMINACIÓN DA PAGA EXTRA AO PERSOAL DO CONCELLO

“Os nacionalistas reuníronse cos representantes do persoal laboral e funcionario do concello para explicar a moción”

 
O BNG de Fene, na liña da decisión tomada pola organización a nivel nacional, rexeitamos as decisións adoptadas polo Goberno central en materia de política económica que están a provocar un agravamento da crise. O “programa de reformas” executado polo PP só deu como resultados máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica, e un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. A única política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais. 

O último episodio desta errática política económica constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de xullo, que contén medidas destinadas á minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e os empregados públicos, á redución das prestacións por desemprego, á diminución do financiamento do sistema de axuda á dependencia, á liberalización comercial que provocará perdas ao comercio tradicional fronte ás grandes superficies comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE) na imposición asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas. 

Estamos perante unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica. 

No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste concello.

O Grupo Municipal do BNG pediralle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo:

1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.
2. Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
3. Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.


2 comentarios:

  1. Polo: En Mugardos Barcia vaiche pagar a paga extra?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Señor "casteleiro56" (ese é o seu nick no youtube, non si?). Xa ve que ata o de agora non lle censuramos ningún comentario, de feito nótase que debeu estar de vacacións que xa facía tempo que non aparecía por aquí. O que non vamos consentir é que entre a crear polémica e botar lixo sobre un acto de homenaxe a unha persoa falecida e moi querida por moita xente, incluso de distinta ideoloxía política é por iso que borramos o seu comentario.

      P.D. Cando se ergue pola mañá o primeiro que pensa é no Sr. Polo? Nunca pensou que tal vez teña vd. algún tipo de trastorno obsesivo? Realmente vemos que o seu é unha relación de amor-odio con nós, animámolo a seguir visitando o noso blog. Saúdos!

      Eliminar