xoves, 17 de xaneiro de 2013

O BNG APOIA ÁS PERSOAS AFECTADAS POLAS PREFERENTES QUE SE PECHARON NA SUCURSAL DE NGB EN FENE

Os nacionalistas de Fene apoiaron durante a xornada de hoxe ás persoas pechadas no caixeiro automático que a entidade NGB ten na avenida Naturais de Fene.
 
As persoas afectadas, nai e fillo, protestan pola desatención e abandono que sofren tanto da entidade bancaria como da arbitraxe  posta en marcha polo goberno de Feijoo para recuperar os seus aforros.
 
Este é o primeiro caso que se da en Fene  dunha acción desesperada para poder acceder aos cartos aforrados durante anos.
 
Para o portavoz nacionalista Manuel Polo e a concelleira Ines Roca, que apoiaron coa súa presenza á familia afectada, “é unha vergoña que unha entidade constituída ao amparo do aforro de todas e todos nós trate así á xente”.


Chegada da prensa


xoves, 10 de xaneiro de 2013

O BNG DE FENE APOSTA POR UN PLAN DE EMPREGO E A BAIXADA DE IMPOSTOSPARA OS ORZAMENTOS 2013

O ano 2013 comeza con 1486 persoas desempregadas no concello de Fene. A falla de concreción de traballo no naval/industrial, o problemas no marisqueo e a ausencia de expectativas vitais levan a moita xente a marchar de Fene e a outra moita a sufrir no desemprego. Este dato é o que máis preocupa ao BNG, por isto os nacionalistas enviamos unha proposta concreta para loitar polo emprego e a reactivación económica no vindeiro trienio 2013- 2015 comezando polo orzamento de 2013 en dúas liñas fundamentais, a primeira a creación de emprego a través dun Plan especial de emprego, de 3 anos de duración e cunha dotación anual mínima de 500.000 €. A proposta irá orientada á contratación de persoal de limpeza para edificios municipais, peonaxe de servizos, obras, xardinería e auxiliares de axuda no fogar.

A proposta xeraría entre 35 e 50 contratos anuais de persoas veciñas do concello seleccionadas a través dun proceso transparente baseado en criterios sociais e de capacitación profesional, favorecendo a inclusión social das persoas máis desfavorecidas, persoas desempregadas con cargas familiares, maiores de 45 anos e as desempregadas de longa duración.

A segunda medida a contemplar é un Plan fiscal que contemple a redución de taxas e impostos para o vindeiro trienio 2013-2015, a aposta nacionalista será o incremento das exencións totais ou parciais ás persoas con menos recursos e por outro lado un plan específico para autónomos e Pemes. Rebaixar a carga fiscal durante 3 anos a todo o tecido empresarial e comercial a excepción das cadeas de alimentación, bancos e entidades financeiras e grandes empresas será outra aposta do BNG para os vindeiros anos. Por último e na liña de favorecer a activación económica proporemos tamén unha bonificación no ICIO (imposto de construción) de ata o 95% tanto a particulares como a empresas.

A proposta fíxoselle chegar a todos os grupos políticos coa intención de poder chegar a un acordo nestas liñas básicas para os vindeiros 3 anos.

xoves, 27 de decembro de 2012

OS CONCELLEIROS E CONCELLEIRAS DO BNG NON ASISTEN Á VISITA DE DIEGO CALVO A FENE POLOS RECORTES DA DEPUTACIÓN

Diego Calvo visita Fene a ver a “herencia recibida” xa que as obras dos diferentes Plans de obras e Plan de cooperación cos concellos que se están a executar en Fene son todas a herdanza recibida do bipartito provincial e da incompetencia do anterior alcalde de Fene Iván Puentes, igual que os convenios da merca de maquinaria ou o que estaba destinado ao arranxo da casa de Cela e que finalmente vai destinado ao arranxo do cemiterio municipal. Todas estas obras superan os 2,5 millóns de € e que o goberno socialista de Puentes deixou en herdanza ao PP en Fene.

Desde o BNG lamentamos que o Plan de obras provincial do ano 2013 sexa o máis cativo da historia de Fene, e que polo tanto non conta co noso apoio, ademais o ente provincial non inviste en Fene nin a cantidade que nos cobra pola recadación de impostos municipais. Fene ten delegada a recadación de impostos na deputación por un valor próximo aos 6 millóns de € e dos que recada preto dos 300.000 € anuais. Temos que lembrar que o POS 2013 nin chega a 250.000€ e que a meirande parte vai destinado a gasto corrente.

Para o Grupo municipal do BNG xa está ben de facerse fotos no noso concello cando a deputación non atende necesidades diarias como os desbroces das súas estradas nin atende necesidades importantes como a seguridade viaria na estrada de Barallobre a San Marcos na que se atopa desde o IES de Fene, o acceso á Liga de amigos de Barallobre e o cemiterio municipal, tamén é necesario que a deputación comece coas beirarrúas da Armada en maniños. Outro aspecto fortemente afectado é o movemento asociativo fenés que está a sufrir recortes inxustificados nas súas actividades polo recorte de achegas da deputación.

O BNG DE FENE OPONSE AO PLAN DE OBRAS E SERVIZOS DA DEPUTACIÓNPROVINCIAL PARA O ANO 2013

O Pleno extraordinario celebrado onte mércores no concello de Fene contaba con dous puntos na orde do día; 1.- O teito de gasto para 2013 e 2.- O Plan de obras e servizos da deputación (POS) 2013. O primeiro punto quedou sobre da mesa a proposta do Alcalde, pola aparición a última hora dun novo informe contrario ao que xustificaba tal medida, e no segundo punto, pedimos dende o BNG que tamén se retirase. A proposta do PP para o POS 2013 foron un saneamento na estrada de Laraxe en Limodre e unha pavimentación entre os bloques XI e XII en San Valentín, por un importe duns 90.000€ e destinaron outros 150.000€ a gasto corrente. Neste segundo gasto é onde radica a oposición frontal do BNG, se detraen 150.000€ de obras necesarias para Fene nun exercicio, o 2013, no que apenas haberá investimento público. Ademais as novas condicións da deputación de aprazar a aprobación do POS para o 18 de xaneiro permitiría coñecer o teito de gasto do concello e asumir novas obras por esta cantidade de 150.000€.

O gasto corrente o PP xustificouno pola posta en marcha da depuradora da ría, pero este servizo ten pensado cobralo a través dunha nova taxa co cal os veciños e veciñas, quedan sen obras por importe de 150.000€ e por riba pagaran o servizo.

O POS saíu adiante, a pesar das razóns de peso do BNG, grazas á abstención do PSOE que novamente salva un proxecto do PP. A votación foi tan axustada, 6 a favor do PP e 6 en contra (5 BNG + 1 de IU) e a abstención de 4 edís socialistas, que foi preciso o voto de calidade do alcalde en dúas ocasións para rachar o empate.

Desde o BNG queremos lembrar que hai uns días o PP gabouse do adianto de 125.000€ dun creto solicitado ao ICO por eles mesmos hai un ano e agora trasladan 150.000€ que se poderían destinar a obras ao gasto corrente do 2013. Para os nacionalistas entre as entidades financeiras ou á xente nós sempre estamos coa xente.

venres, 21 de decembro de 2012

Concentración de repulsa á violencia de xénero

Mañá sábado ás 12 diante do concello de Fene concentración de repulsa do asasinato da nosa veciña de Fene.




mércores, 19 de decembro de 2012

O BNG DE FENE E CABANAS PRESENTAN ALEGACIÓNS CONXUNTAS AO CAMIÑO DESANTIAGO

O pasado 18 de outubro de 2012 saía publicado no DOG o o procedemento de delimitación do Camiño de Santiago Inglés. O prazo de presentacións de alegacións foi de dous meses, rematando no día de hoxe.

O BNG nos concellos de Cabanas e Fene a través dos seus representantes Xosé Manuel Golpe Acuña e Digna Faraldo Purriños presentaron no día de hoxe alegacións á delimitación do Camiño ao paso polos dous municipios.

Os nacionalistas presentan alegacións en dous sentidos:

1º.- Con respecto ás delimitacións, en toda a lonxitude da traza proposta existen delimitacións moi variables na súa largura entre 100 e 500 metros aproximadamente, este feito parece discrecional e sen criterio técnico. A maioría desta traza do camiño en Fene e Cabanas é desde o punto de vista urbanístico solo urbano, as delimitacións do camiño deberían limitarse aos 30 metros a cada lado do camiño co obxectivo de reducir a burocracia. No solo urbano residencial de Fene a ocupación da zona de delimitacións debería ser semellante á que se lle da ao núcleo de Laraxe, ademais na planimetría utilizada non se recollen numerosos elementos,(edificacións, viais e proxectos do PXOM de Fene) que condicionan ou poden afectar ao propio camiño.

2º .-Con respecto ao trazado, modifícase o trazado en Laraxe no concello de Cabanas, o camiño debe manterse pola súa traza actual e que sirva de zona de transición entre o Polígono industrial de Vilar de Colo e o núcleo de Laraxe. Ademais manter a traza actual permite por en valor o río de Baa e elementos patrimoniais como o Marco de San Lourenzo, Castro de Prismos, Igrexa San Martiño do Porto. Pola súa contra o novo trazado proposto non engade ningún valor e pon en risco dúas veces aos peregrinos por ter que cruzar a N651 en dúas ocasións. No concello de Fene o trazado atópase modificado na zona de Casavella, cando na actualidade o camiño pasa por Fonte do Campo sendo o camiño máis chan e próximo á fonte, pista polideportiva, casa da Cultura e o Museo do Humor de Fene.

Os nacionalistas farán un seguimento especial nos concellos e a través do Parlamento das alegacións remitidas. Ademais darán conta das alegacións á Plataforma de Afectados do Polígono de Vilar do Colo, ás asociacións veciñais e empresas da zona.


martes, 27 de novembro de 2012

Película, foro-debate e cogomelos contra a violencia de xénero

O BNG de Fene convida a participar neste acto o vindeiro xoves 29, a partir das 19.30


Dentro dos actos de conmemoración do día internacional contra a violencia machista, o BNG de Fene propón unha actividade aberta a toda a cidadanía que queira achegarse ao seu local (Avda. Naturais 41-43 traseira) este xoves 29 ás 19.30 horas.
 
A película Te doy mis ojos, dirixida por Icíar Bollaín e protagonizada por Luís Tosar e Laia Marull, é a elixida para proxectar e para dar pé ao posterior foro-debate, tralo cal, haberá unha degustación de cogomelos para todos e todas as presentes.