martes, 18 de febreiro de 2014

O BNG DE FENE TRASLADA AO ALCALDE AS QUEIXAS DAS PERSOAS USUARIAS DA PISCINA MUNICIPAL DE CENTIEIRAS

Os nacionalistas de Fene trasladan ao goberno local as queixas das persoas usuarias da piscina municipal de Centieiras. Esta instalación leva tempo con problemas nas caldeiras que quentan a auga tanto do vaso da piscina como das duchas.
 
Nos últimos anos a instalación veu dando problemas na súa maquinaria pero neste inverno é especialmente constante o problema de baixada de temperatura na auga e tamén os problemas no ar, que tanto pode estar moi alto como moi baixo.

A piscina de Centieiras atende a unha poboación moi importante con usos principalmente educativos, de saúde e de lecer. Con este tipo de perfil de usuario é imprescindíbel ter unha temperatura próxima aos máximos legais permitidos

O BNG traslada esta queixa que é de todo o mundo coñecida, para que se resolva o máis axiña o problema xa que desde o goberno local non se actúa coa dilixencia precisa en resolver problema.



venres, 27 de decembro de 2013

Despedida de ano

Fin de 2013

O BNG de Fene convida a todo o conxunto da militancia e simpatizantes a despedir o 2013 o vindeiro luns 30 a partir das 20.30 horas.
                 
O BNG de Fene propón unha actividade festiva para despedir o ano no noso local (Avda. Naturais 41-43 traseira) este luns 30 ás 20.30 horas.
Trátase de xuntarnos para agradecer o traballo e o apoio recibido, brindar e tomar algo xuntos/as.


Gostaríamos de contar coa túa/vosa presenza! Unha aperta.


venres, 20 de decembro de 2013

O BNG DE FENE PESENTA UNHA MOCIÓN PARA QUE SE GARANTA O SUBMISTRO ELÉCTRICO ÁS PERSOAS SEN RECURSOS

O GM do BNG de Fene presenta, ante a indiferencia do PP, unha moción para que se tomen mendidas lexislativas que impidan o corte do subminstro eléctrico ás persoas con menos recursos. Concretamente propóñense ao Pleno os seguintes acordos:
 
1) Realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, adopte medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.
 
2) Demandar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para o 2014.
 
3) Solicitar do Goberno do Estado español que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

As razóns da presentación desta moción son os milleiros de persoas que en Galiza e no Estado viven na pobreza e padecen a pobreza enerxética. No conxunto do Estado Español hai 2,2 millóns de nenos e nenas que viven por baixo do limiar da pobreza.

O goberno local debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio as persoas que o precisaren e tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para que a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos e medidas específicas dirixidas a persoas en risco de exclusión social e con necesidades especiais permitan contribuír a garantir o benestar, a saúde e calidade de vida nesta situación dramática que padecen.

O goberno do Estado español xustifica o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario. Cómpre avogar, pois, por uha reforma a fondo da normativa do sector eléctrico, tanto para corrixir os denominados inxustos e elevados beneficios que se xeran co formato actual de poxas de enerxía no mercado maiorista, co que se poría fin á escalada no incremento do déficit da tarifa, como para retornar a un modelo de maior intervención e control nun servizo esencial como o subministro eléctrico aos fogares, cuxa liberalización demostrou que beneficia exclusivamente ás grandes empresas enerxéticas a custo dunha política abusiva coa maioría das persoas abonadas. 
 
 
 
 
 


 

sábado, 14 de decembro de 2013

Acto comarcal sobre a situación do sector naval, este martes.

 

 
Neste acto, no que contaremos coas intervencións do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a portavoz comarcal do Bloque en Ferrolterra, Mercedes Tobío e Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, presentarase un documento coas propostas do Bloque Nacionalista Galego ao respecto do sector naval e a aposta polo seu futuro, cotra a permanente reestruturación promovida polos partidos que gobernan e gobernaron o Estado Español, PP e PSOE.
 
 
 
 
 
 

xoves, 28 de novembro de 2013

Acto sobre o Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller

Como cada ano o BNG de Fene organiza un acto na semana do Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller (25N).
 
Será este venres 29 ás 20 horas no noso local, o acto é aberto a todo o mundo e consistirá na proxección de varias curtametraxes e unha pequena charla-coloquio posterior coordinada pola compañeira María Sánchez. Ao remate estades tod@s convidad@s a unha degustación de cogumelos preparados, coma sempre, pola nosa compañeira Pepa.
 
Asiste e convida a quen queiras!


 
 
 

luns, 25 de novembro de 2013

O BNG FAI RECUAR AO GOBERNO LOCAL DE FENE E ASUME O PAGO DAS SUBVENCIÓNS NOMINATIVAS ÁS ASOCIACIÓNS PARA AS ACTIVIDADES DO ANO 2013

Na Comisión informativa de Promoción económica e facenda  celebrada hoxe o seu Presidente, o popular Juan José Franco, respondeu ao BNG que si lles ían pagar ás entidades  asociativas de Fene os máis de 23.000 € aos que se comprometerá para este ano.

A pregunta do BNG veu motivada  pola resposta que tiña dada o edil popular  no Pleno do pasado día 7 deste mes no que dixo que “ao non terse aprobados os orzamentos de 2013 non se podían pagar as subvencións nominativas”. Os nacionalistas de Fene expresamos o noso desacordo co impago das axudas polo que manifestamos a nosa oposición a toda modificación de creto se previamente non se solucionaba o pago das axudas ás entidades asociativas do concello polas actividades deste ano.

A pesar da advertencia do BNG, os populares preferiron manter un Pleno extraordinario cunha nova modificación de creto que non incluía a solución ao pagamento das subvencións. Desta teimuda posición do PP derivou o voto en contra dos nacionalistas a esta nova modificación de creto e a evidencia de que non se trataba dun farol. Dúas semanas despois rectifican e asumen que lle van dar unha solución ao pago das subvencións grazas á posición de firmeza do BNG.