xoves, 30 de outubro de 2014

O BNG pregunta no Congreso sobre a Regularización Catastral en Fene

Premer sobre a imaxe para acceder ao texto da pregunta presentada por Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, sobre a Regularización Catastral en Fene











martes, 28 de outubro de 2014

Gumersindo Galego ocultou á Corporación a regularización catastral impulsada polo Ministerio de Facenda en 2012

O goberno local coñecía e colaborou activamente na regularización catastral posta en marcha  neste ano no Concello de Fene, estas afirmacións fíxoas o Alcalde Gumersindo Galego na Comisión de obras e urbanismo celebrada hoxe.


Os nacionalistas pedimos ao Alcalde que nos aclarase cal era o coñecemento do tema da regularización catastral e cal o alcance da colaboración do goberno, xa que na comisión de facenda de onte os propios membros do goberno discreparon sobre a participación do goberno no proceso. Mentres o edil de facenda negaba calquera participación a edil de urbanismo recoñecía ter colaborado.


O Alcalde recoñeceu ter mantido xuntanzas co Catastro e incluso ter posto a disposición no mesmo as licenzas outorgadas nos últimos anos a veciños do noso concello. A pesar desta colaboración municipal os erros son moi importantes polo que o propio Alcalde recoñecía que estaba recomendando á xente reclamar nos 15 días de prazo.


Na Comisión informativa o Alcalde tamén manifestou que había obras que tributaban menos debido ás baixas valoracións, intentando xustificar así a regularización. O que o Alcalde non di é que o Concello de Fene leva arredor de 20 anos revisando de oficio as obras e dándoas de alta no catastro ou modificando os seus valores tributarios ata a chegada do PP ao goberno.


Para o BNG é totalmente lamentábel que o Alcalde ocultase o proceso de regularización impulsado polo ministro Montoro e por riba marea ao veciños con desculpas e escusas cando é responsabel de terse iniciado o proceso en Fene  e ademais perfecto coñecedor de todo.





luns, 27 de outubro de 2014

Descoordinación no goberno de Fene sobre o tema da regularización catastral

Na Comisión de Facenda e Promoción económica celebrada hoxe no Concello de Fene o Concelleiro de Facenda, por propia iniciativa, dixo que el e o  goberno local nada tiñan que ver coa regularización catastral que está a facer o Ministerio de Facenda a través da Dirección Xeral do Catastro.

Na queda de rogos e preguntas, quedou de manifesto o malestar pola desinformación total á que o goberno local ten sometida á oposición. A concelleira de urbanismo emendou ao concelleiro de Facenda indicando que desde a súa área si se tiñan mantido contactos co Catastro para aclarar algúns problemas de identificación de propiedades e que desde urbanismo se lles dera información.

O máis abraiante é que no BOE do mes de marzo deste ano figuran a relación de concellos nos que se fai esta regularización e que o goberno local afirma descoñecer cando na realidade  estivo dando información á empresa que fixo o  traballo desde a área de urbanismo.

Neste proceso de regularización existen erros gravísimos e atropelos pola información que obtivemos de moitos dos afectados. Os erros van desde a identificación errónea dos inmobles ata a regularización de inmobles nos que non hai variacións a efectos fiscais.


O BNG esixiremos transparencia e aclaracións xa que temos moitas dúbidas de que non fose o Alcalde o que solicitara a regularización polos problemas que tivo nesta materia que, como todo o mundo sabe acabou perdendo no xulgado.



venres, 24 de outubro de 2014

Veciños de Fene sorprendidos pola chegada masiva de revisións catastrais


Centos de veciños e as asociacións con edificios e instalacións propias están a recibir notificacións da Dirección Xeral de Catastro nas que por unha banda se lles ordena o pago dunha taxa de 60 € por valor revisado e por outra se procede á revisión, en si, do valor da propiedade. 

A última revisión catastral en Fene data de 2005, e o Concello conta desde hai anos cun Punto de atención catastral froito dun convenio asinado entre o Concello de Fene e a Dirección Xeral do Catastro. Neste Punto de atención catastral  todas as propiedades poden actualizar valores ou incorporalos se son de nova construcción, polo que sorprende que se faga unha regularización desta magnitude.


O Bloque Nacionalista Galego de Fene vai pedir explicacións o vindeiro luns na comisión de Facenda que se celebra ás 9 da mañá, para que se dea conta por parte do goberno como e quen ordenou a regularización de valores catastrais no Concello de Fene. Hai que lembrar que Fene contaba en 2007 cun tipo impositivo criticado por PP e PSOE no seu día, situado no 0,62 que logo no 2010 subiuse ao 0,64 e por último o PP pasouno ao 0,68 en 2012. 

"Os nacionalistas descoñecemos totalmente quen iniciou este procedemento e desde cando se prepara esta regularización", afirmou o portavoz nacionalista Juventino Trigo que ademais dixo que ao PP vaille dicir que baixa impostos e por outro llos sube á xente e ás sociedades cunhas taxas de 60 € totalmente abusivas.


martes, 21 de outubro de 2014

O BNG de Fene rexeita a caza de xabarís con arcos por populista e ineficaz


As queixas da presenza de xabarís  son recorrentes nos últimos tempos na zona da ría do noso concello dende Maniños a Perlío. O GM do BNG no concello de Fene a través do seu portavoz Juventino Trigo trasladou reiteradamente este problema ao alcalde popular. A solución acordada polo Alcalde e a Xunta de Galicia de autorizar que arqueiros se aposten a agardar á xunta da noite a circulación destes animais para matalos é unha medida populista e ineficaz que carecede garantías, eficacia e que pode introducir inseguridade entre a veciñanza da zona.

As medidas que se deben adoptar con urxencia desde o concello son as que pasan pola redución o máximo posíbel dos hábitats do xabaril na zona urbana. Estas medidas pasaría pola limpeza das instalacións de Navantia Fene, a vía do tren e a súa contorna, o borde costeiro, as beiras de ríos, así como a limpeza de fincas privadas en estado de abandono.

Paralelamente  Medio ambiente da Xunta de Galicia debería avaliar o número de xabarís existentes na zona e tomar as medidas oportunas.

domingo, 21 de setembro de 2014

Asemblea Aberta este mércores en Fene

O BNG de Fene chama a toda a cidadanía a participar na Asemblea Aberta de Perlío


Dentro do proceso de Asembleas Abertas que o BNG está a realizar por todo o país, os nacionalistas de Fene convocan a todos os veciños e veciñas a participaren neste foro, que terá lugar o vindeiro mércores 24, ás 20 horas, na praza da Asociación de Veciños de Perlío. Como é habitual, será presentado e moderado por un militante de base da localidade e ten como obxectivo a participación de cantas máis voces,  movementos e colectivos, mellor.

Porque o desafío que emprendemos desde o BNG necesita do compromiso e da participación popular, precisa de moitas mulleres e homes, mozas e mozos orgullosos da súa condición de galegas e galegos.

Máis que nunca, é tempo de sumarmos esforzos, de comprometérmonos persoal e colectivamente e de xerarmos ilusión no afianzamento do proxecto de ruptura e transformación social que o nacionalismo representa na Galiza. Queremos mudalo todo, e mudalo desde nós, para construírmos futuro.

luns, 8 de setembro de 2014

DISCURSO DE JUVENTINO TRIGO NO ACTO DE HOMENAXE A PANCHO ALLEGUE FENE, 7 DE SETEMBRO DE 2014

Bo día.

Alicia e máis Rita xa describiron perfectamente a figura de Pancho e destacaron moitas das súas mellores virtudes, e pouco ou nada queda por dicir do seu extenso traballo en favor da cidadanía. Moito se ten falado, escrito e documentado sobre el, o cal indica o valioso que foi como persoa e como político, e indica tamén que, cando menos, toda a súa loita mereceu a pena. 

Juventino Trigo, portavoz do grupo municipal do BNG
Non é que melloraran moito as cousas nestes últimos nove anos, de feito empeoraron bastante, pero o seu traballo mereceu a pena porque agora, os que nos toca vivir esta situación temos un referente ao que seguir. 

En moitas ocasións teño pensado qué diría Pancho, ou qué faría Pancho se estivese aquí vendo como, cando estamos chegando ao final do veto de ASTANO, que non se levantou antes dos 10 anos por moito que insistimos os do Bloque, non hai ningún proxecto de barco para construír, non hai ninguén traballando para que vexamos unha quilla no dique, nin hai ganas de facer nada por remediar esta situación. Nin os sindicatos do poder, nin os partidos do poder... ninguén fai nada. Iso si, La Voz de Galicia saca un titular en portada e a toda páxina dicindo que Bruxelas confirma que o final do veto será o 1 de xaneiro de 2015, coma se iso fose un notición!, coma se non  o soubéramos desde hai 10 anos! E o caso é que moita xente segue picando e toma ese titular coma se fose unha novidade e unha boa noticia antes descoñecida...!!

Rita Couto, concelleira do BNG en Fene
En fin, eu penso que Pancho estaría tan indignado como calquera de nós, e que sacaría as pancartas de levantamento do veto e carga de traballo sempre que tivera ocasión, como facemos nós, e que faría todo o que estivese na súa man para instar aos poderes a que reaccionaran, e tamén aos traballadores e traballadoras, e á sociedade en xeral de toda Galiza, como facemos desde todos os lugares nos que o BNG ten representación. Porque Pancho, ante todo, pensaba sempre en clave de país, en clave galega, en clave nacionalista. Pancho sabía, como sabemos nós, que os problemas de Galiza só podemos resolvelos dende Galiza, que ninguén vai vir de fóra a mellorar as nosas vidas, e que a mellor arma contra as crises, contra os recortes, contra as inxustizas sociais, é o nacionalismo. E ese nacionalismo, entendido como a facultade de crer en nós mesmos, nas nosas potencialidades, é o que nos vai permitir seguir existindo como pobo. O único que loita, loitou sempre e loitará pola posta en valor da nosa lingua, da nosa cultura; pero tamén dos nosos recursos produtivos, da nosa economía, das nosas materias primas. E figuras como a de Pancho Allegue se suman á lista de referentes históricos cos que contamos os que traballamos hoxe baixo o paraugas do nacionalismo galego, e para nós, para o BNG, e para min mesmo, é unha honra poder dicir que temos como exemplo a Pancho á hora de tomar as nosas decisións máis importantes.

Alicia Martínez, ex concelleira do BNG
Só agardo que o que nos queda por facer, tanto en Fene coma en todo o país, siga tomando exemplo de referentes coma Pancho, que soubo trasladar as súas conviccións cun amplo consenso de toda a sociedade, cando menos aquí en Fene, onde unha inmensa maioría, aínda que non o coñecera persoalmente, o recorda con agarimo.


Por todo isto, aínda que a día de hoxe non están logrados os obxectivos de Pancho nin os do nacionalismo en xeral, teño que reiterar que o seu traballo, coma o de todos os nacionalistas, máis que nunca, paga a pena.

Moitas grazas.