xoves, 26 de novembro de 2015

O goberno de Fene prepara unha actuación integral para a seguridade viaria da Avenida Marqués de Figueroa

A concellería de Persoal, Seguridade, Formación e Emprego, en coordinación coa Policía Local de Fene, traballa na realización de varios proxectos encamiñados a mellorar a seguridade viaria nunha das arterias principais do municipio; a Avenida Marqués de Figueroa.
Mellorar a iluminación, buscar novos sistemas de sinalización lumínica dos pasos de peóns, que garantan a seguridade e tamén a sostibilidade ambiental, e reducir a velocidade nesta vía, son algunhas das actuacións previstas no proxecto que, tal e como declarou a concelleira responsable, Sandra Permuy, "dotarán a esta avenida dun equipamento adaptado ao urbanismo do século XXI; ecolóxico, seguro e moderno".
A Avenida Marqués de Figueroa rexistra desde hai anos un nivel alto de sinistros por atropelos, dado que se trata dunha vía con moita actividade comercial e de ocio e, polo tanto, moi transitada por vehículos e por peóns. Esta actuación integral buscar rematar con estes sinistros e, ao mesmo tempo, facer a rúa máis accesible e cómoda para a veciñanza.



luns, 23 de novembro de 2015

Acto no día contra a violencia machista no noso local

Un ano máis, o local do BNG de Fene abre as súas portas para conmemorar a celebración do 25 de novembro e no que toda a veciñanza ten cabida. Este ano constará da proxección dun filme enfocado na violencia que sufren as mulleres nos conflictos bélicos.

Será este mércores, o propio día 25 de novembro, a partir das 18.30 horas.
Trala longametraxe estades tod@s convidad@s, tamén como todos os anos, a uns petiscos realizados básicamente con productos desta época do ano.


Animádevos a asistir e convidar a quen vexades!!





xoves, 5 de novembro de 2015

Acto do BNG na AV de Perlío

GALIZA, A FORZA QUE NOS UNE


Baixo este lema o BNG está a facer unha serie de actos por todo o país sobre os 20 anos de presenza do bloque no Congreso e da importancia dun grupo parlamentar galego no mesmo.

Este venres ás 20:30h na Asociación Veciñal de Perlío o BNG de Fene e de Neda organizamos o noso acto, aberto a todo o mundo, e que contará coas intervencións de Bieito Lobeira, Secretario de Organización do BNG, Helena Pardo, portavoz do BNG no Concello de Neda e Juventino Trigo, alcalde de Fene.




xoves, 29 de outubro de 2015

Juventino Trigo recibe ao presidente da Deputación Provincial

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, recibiu este mediodía ao presidente da Deputación provincial, Valentín García Formoso, na que foi a primeira visita institucional do novo mandatario provincial ao Concello de Fene.

Juventino Trigo aproveitou esta primeira toma de contacto para trasladarlle algunhas das suxestións do goberno local en relación con proxectos que levan moitos anos paralizados.

Tratouse tamén o tema do punto limpo de Vilar do Colo, proxecto mancomunado que o Concello de Fene pretende levar adiante cos Concellos de Cabanas, Ares e Mugardos.  Sobre esta cuestión, o alcalde de Fene pediu a Valentín García que a Deputación da Coruña elabore, no menor tempo posible, o informe que o Concello precisa para poder sacar adiante o proxecto e poñer en funcionamento o tan demandado punto limpo.

En Fene son varias as estradas propiedade da Deputación Provincial. O alcalde de Fene trasladou a Valentín García a necesidade de acometer a construcción de beirarruas na estrada da Armada, a continuidade da de Barallobre dende a igrexa parroquial ao Instituto ou a arteria viaria principal de Magalofes. A seguridade dos peóns está en xogo en calquera delas.

En relación cos diversos Plans Provinciais previstos para o 2016 -dos cales o Concello de Fene recibirá en torno a 340 mil euros do Plan de Acción Social e 250 mil do Plan de Obras e Servizos- falouse na xuntanza da posibilidade de que o Concello de Fene destine parte destes investimentos á renovación  de servizos e beirarrúas na Avda das Pías, dende San Valentín ao cruce de Fene.

Á marxe das obras pendentes e dos novos proxectos que o Goberno Municipal de Fene pretende abordar coa colaboración da Deputación, o alcalde de Fene expuxo ao presidente do organismo provincial a situación do naval en Fene e demandou a Valentín García un plan de acción comun do Concello coa Deputación para exixir carga de traballo para o asteleiro de Fene.

O presidente da deputación coruñesa asinou no libro de honra do concello de Fene ao remate da visita institucional.





luns, 26 de outubro de 2015

Aberto o prazo para se rexistrar no censo das primarias abertas da Iniciativa pola Unión

Desde o pasaso día 19 de outubro e ata o 3 de novembro é posible rexistrarse no censo para elixir en primarias abertas a candidatura unitaria que se promove.

Animamos a todo o mundo interesado nunha candidatura galega de unidade popular, soberana no seu funcionamento e sen ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da nosa nación, se inscriba a través do seguinte formulario. http://polaunion.gal/formulario/

O proceso de elección da candidatura será de xeito presencial con voto en urna (en próximas datas anunciaremos onde estará colocada a do noso concello) o vindeiro domingo dia 8 entre as 11 horas e as 15 horas.

Cabe lembrar que, por acordo adoptado o pasado 27 de setembro no Acto de Apertura da Iniciativa pola Unión, o censo electoral de primarias debe ser EX NOVO; isto é, todas aquelas persoas que adheriron o Manifesto de Conxo e están a recibir información da Iniciativa pola Unión, deberán cubrir igualmente o formulario, xa que o obxectivo deste é operar como un NOVO CENSO ELECTORAL para as PRIMARIAS ABERTAS.

Informamos tamén que a finais desta semana, desde as 00:00 horas do venres 30 de outubro ás 24:00 horas do sábado 31 de outubro todas as persoas que queiran concorrer ás primarias da candidatura galega promovida pola Iniciativa pola Unión deberán ter presentada a súa candidatura. Toda a información do proceso e ligazóns aos documentos necesarios premendo aquí




xoves, 22 de outubro de 2015

O alcalde de Fene fai un chamamento ás alcaldías da comarca para demandar conxuntamente emprego no sector naval da ría


A situación pola que atravesa o sector naval na ría de Ferrol segue nun proceso de progresivo desmantelamento, constituíndo un dos elementos que máis está a contribuir ás elevadas taxas de desembrego, emigración e índices de emerxencia social e pobreza na contorna dos concellos da comarca.

Logo de dez meses desde o remate do veto que impedíu á antiga ASTANO o acceso á construcción naval convencional; atopámonos cun novo veto que deriva da falta de definición de proxectos no ámbito da construción naval e fronte isto atopámonos co derrube dunha grúa e retirada de proxectos de futuro como o de Gestamp.

Compre lembrar o percorrido das promesas no traballo do sector naval da comarca (flotel e BAM) O flotel supuxo, no mellor dos casos, unha ocupación dun máximo de 300 persoas. E o BAM non pasou na prática moito máis aló da fase de corte de chapa a finais do pasado ano, atopándose práticamente paralizado desde aquela.

A maiores, dos catro petroleiros a construír nas diversas factorías de Navantia dedúcese con claridade que o complexo Fene-Ferrol é, máis unha vez, leva a peor parte no reparto; xa que estamos a falar da realización dos bloques de proa, que supoñen unha moi pequena parte do conxunto do buque. En termos de emprego, segundo se recoñece en diversos ámbitos, esta obra podería achegaría emprego a un máximo de 300 persoas durante o período de construcción dos buques, estimado en 21 meses.

Ningún goberno que se reclame tal, pode permanecer de espectador cando o que está en xogo é un dos piares básicos da economía e da creación de emprego. Desde o Concello de Fene, que está a padecer esta situación dun xeito virulento no plano do deterioro social, económico e demográfico, acreditamos que compre dar un chanzo no ámbito institucional e político; demandando dos gobernos unha folla de ruta –con plans e prazos concretos- que partan de garantir o dereito a producir, implementando as medidas que correspondan nos diversos ámbitos para converter o naval no que sempre tivo, como elemento dinamizador da economía e do emprego na nosa comarca.

Neste sentido, avogamos pola apertura dun proceso de interlocución co goberno galego, demandándolle o cumprimento da Lei do Sector Naval Galego, que fixa exercicio de competencias neste ámbito e ao goberno do estado para abordar a posta en marcha desas medidas. Para iso, desde o concello de Fene propomos unha convocatoria ao conxunto dos concellos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ao obxecto de articular desde as institucións municipais unha acción conxunta para garantir dos diversos gobernos –o galego e o do Estado- que se aborde con urxencia, concretando medidas e prazos.





mércores, 21 de outubro de 2015

Obradoiro de sexualidade e diversidade no CPS de San Valentín

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova organiza este venres 23 un obradoiro de sexualidade e diversidade conducido por Lucía Veciño, responsábel da Asemblea de Mulleres. Será no CPS de San Valentín ás 20 horas.