domingo, 22 de xaneiro de 2017

O PP tumba as enmendas do BNG no Parlamento Galego

Entre as emendas nacionalistas atopábanse  as propostas do concello de Fene por valor de 800.000 €. O BNG en Fene tiña solicitado o traspaso das competencias de mantemento e gastos enerxéticos do Centro de saúde e do CPI da Xunqueira que a pesar de ser competencia autonómica aínda sostén en parte o Concello de Fene.

Por outro lado solicitábanse 3 actuacións importantes como os servizo de auga da traída nas zonas altas do concello (Magalofes e Sillobre)  un centro de día para persoas maiores e unha aula de educación física no IES de Fene.

No caso da auga, trátase dunha demanda histórica de veciños e veciñas que non teñen aceso a auga da traída pola altitude na que se atopan e precisan dun deposito adicional para que a auga se distribúa por gravidade e cunha presión aceptable.

As outras dúas actuacións, centro de dia e aula de educación física, son equipamentos educativos e sociais imprescindibles para mellorar a calidade de vida das persoas do noso pobo.

En vindeiras datas o goberno local iniciará xestións para que a Xunta de Galicia tome conciencia destas necesidades e se comprometa a poñelas en marcha.






xoves, 5 de xaneiro de 2017

Ridículo do PP na presentación da moción sobre "as mentiras do Alcalde" en relación aos traballos de retirada de lodos na EDAR de Maniños

O Pleno do Concello de Fene aprobou cos votos a favor do PP e a abstención de PSOE e Somos Fene a moción de reprobación ao alcalde de Fene por mentir no Pleno do 1 de Nadal de 2016 sobre a execución da sentenza que ordena o vaciado dos lodos da depuradora de Maniños. A moción contou cos votos en contra do BNG e IU.

No debate evidenciouse que o PP sustanciou a moción nunha mentira, o Alcalde de Fene non falou no pleno de 1 de decembro sobre este asunto. Foi no punto de rogos e preguntas no que o Concelleiro de obras e urbanismo explicou os traballos que se estaban a desenvolver para cumprir a sentenza. 

A moción pide 3 cuestións:
1) Que o alcalde explique porque mentiu.
2) Reprobar a actitude do alcalde por non dar cumprimento á sentenza.
3) Solicitar a dimisión do alcalde pola súa incapacidade de xestionar os asuntos dos veciños de Fene.

O punto primeiro que da título á moción é mentira, polo que Juventino Trigo díxolle ao PP se querían retirar a moción por partir dunha incerteza. Estes negáronse e mantiveron a moción a debate.
No segundo punto, o alcalde nacionalista explicou que se procedera co valeirado dos líquidos e de 297 metros cúbicos de lodos. Que se continuaba a traballar e que a empresa comunicaba semanalmente os avances nos traballos de execución da sentenza. A sentenza firme que ven a resolver o litixio da competencia do valeirado da depuradora en desuso de Maniños carece de datas concretas para o remate dos traballos. O PP gobernou 4 anos e en lugar de xestionar adicouse a litixiar con varias empresas prestadoras de servizos públicos. O punto terceiro careceu de debate, xa que ningún grupo fixo referencia ao mesmo. Ninguén pediu a dimisión do Alcalde.

Na opinión do Consello Local do BNG a oposición non traballa, non asisten aos órganos colexiados, ás xuntas de voceiros, mesas de negociación, órganos de avaliación e asisten ao Pleno desinformados e cunha actitude obstaculizadora, paralizando asuntos importantes como  orzamentos ou a modificación da  relación de postos de traballo.






martes, 25 de outubro de 2016

ESQUERDA UNIDA INCORPÓRASE AO GOBERNO MUNICIPAL DE FENE

No día de hoxe o Alcalde de Fene, o nacionalista Juventino Trigo, asinou as resolucións de acaldía que fan efectiva a remodelación do goberno local.

Mari Carmen Martínez, concelleira de EU
O rexedor fixo efectivo o acordo con EU incorporando á concelleira María Carmen Martínez á Xunta de goberno local. A concelleira foi nomeada segunda tenente da alcaldía e Presidenta da Comisión de Dinamización social e transparencia. Dentro desta Comisión farase cargo das delegacións de Benestar social e igualdade, Ensino e Participación e información cidadá, transparencia e comunicación. As delegacións de Cultura, Xuventude e Deportes foronlle asignadas ao concelleiro Justo Martínez Ardá.

No novo organigrama forman parte da Xunta de Goberno Local, Alejandra Permuy Meizoso como primeira tenente de alcalde, Justo Martínez Ardá como terceiro Tenente de Alcalde e Mariela Aguilar Prieto cuarta Tenente de Alcalde.

Grupo Municipal do BNG de Fene
O Alcalde tamén fixo novos nomeamentos, Alejandra Permuy Meizoso Pesidenta  da área de Organización e seguridade, como o viña sendo, mais agora asume a área de Servizos e Mantemento. Justo Martínez Ardá foi nomeado Presidente da área de Desenvolvemento territorial  e Mariela Aguilar permanece como delegada e Medio ambiente. A área de Facenda sigue nas mans do alcalde e incorpora a delegación de Promoción económica.


Desde  o novo equipo de goberno o que se pretende e traballar máis e mellor polo pobo de Fene e cumprir o acordo político asinado.







venres, 7 de outubro de 2016

Aprobadas as subvencións nominativas ás entidades cidadáns

O alcalde Juventino Trigo indicou que a relación de axudas incluíase no proxecto de orzamentos que non se aprobou no mes de agosto


O Goberno do BNG levou ao pleno do Concello de Fene, a concesión de dezanove subvencións nominativas para a realización de actividades de utilidade pública e interese social a diferentes asociación, por un importe total de 47.500 euros, e que foi aprobado por unanimidade.


Dos 47.500 €, 13.300 € destínanse a actividades desenvolvidas por entidades prestadoras de servizos sociais para o funcionamento destas entidades e a realización de actividades de interese social dirixidas a persoas desfavorecidas (ASPANEPS, Cáritas e Amigos de Galicia); 3.500 ao mantemento ou posta en funcionamento de comedores escolares (ANPAS dos CEIP de Centieiras e Os Casais e do CPI A Xunqueira de San Valentín); 15.000 € á organización de festivas musicais (Fenerock, Felipop e Xuntanza de Gaiteiros) e os 31.800 restantes a romarías (O Pote, O Camiñante, Romaría Viquinga) e outro de tipo de eventos e actividades (lavandeiras de Sillobre; ciclo do Nadal de San Valentín; Slalom de Fene; festas do poldro, da orella e da ameixa; Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé).

Entre as novidades máis importantes a respecto do exercicio de 2015 cómpre salientar as seguintes:

·       Increméntase a contía total que se dedica ás subvencións nominativas así como o número de entidades beneficiarias.

·       Auméntase a contribución municipal ao mantemento/posta en funcionamento de comedores escolares.

·       Increméntase a cantidade que se destina a entidades prestadoras de servizos sociais.

A concesión de subvencións nominativas é un procedemento previsto na Lei Xeral de Subvencións para contribuír ao financiamento de actividades de utilidade pública ou interese social e regúlanse a través da sinatura dos correspondentes convenios de colaboración.


Pleno do 6 de outubro (Foto: Radio Fene)




venres, 23 de setembro de 2016

Remata a campaña!

Como en todos os procesos electorais o BNG de Fene saiu a rúa e fixo actos en todas as parroquias (de novo fomos os únicos), hoxe toca a última, Perlío, coincidindo co peche da Campaña faremos una Acto Comarcal onde estarán todos os candidatos comarcais ao Parlamento Galego. Será hoxe venres ás 21h. na Praza da Escola (AVV de Perlío) e, tras as intervencións do alcalde Juventino Trigo e os candidatos Manuel Polo e Iago Varela despediremos esta intensa e ilusionante campaña cunha mexillonada. Estades tod@s convidad@s!

Súmate ao "Efecto Pontón". Con ilusión, UN TEMPO NOVO.













venres, 16 de setembro de 2016

O BNG de Fene amosa as súas condolencias pola morte do párroco de Barallobre, don Elías Seoane

Desde o Bloque Nacionalista Galego de Fene poñemos de manifesto o noso pesar polo falecemento de don Elías e a máxima admiración pola súa persoa. Sen dúbida foi un dos maiores defensores do país na nosa comarca, da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa xente, tamén en momentos nos que non era fácil selo, e menos desde unha posición como a súa. Durante toda a súa vida foi un comprometido coa sociedade, cos máis desfavorecidos, cos perseguidos, cos necesitados... Comprometido coas persoas e tamén con Galiza.


Por todo isto, e por estar sempre cando e onde o precisamos, moitas grazas e boa viaxe.



Don Elías nunha captura do Vídeo de apoio á Candidatura de Juventino Trigo do 2011