martes, 18 de setembro de 2018

PP-Somos Fene rexeitan as alegacións da CIG ao orzamento sen dialogo algún


A intolerancia faise dona do bipartito fenés. Na mañá de hoxe, martes 18 de setembro, o alcalde convocou un Pleno  urxente para rexeitar as alegacións da CIG ao orzamento 2019. 

A convocatoria fíxose con total escurantismo, sen comentar previamente coa oposición o día e a hora. As alegacións tiñan un mes para ser aceptadas ou rexeitadas e o goberno local adiou o acordo ata a última semana, creando a urxencia pola súa incompetencia. Coa maioría absoluta garantida os Populares podían ter falado á representación laboral e convocado unha Comisión informativa para dar conta dos informes e propostas. En lugar disto optaron polo recurso da urxencia, que non existe, e do escurantismo e a intolerancia. 

Como lexítimos representantes do pobo de Fene, toda a corporación, ten dereito a ter  a documentación dos asuntos en prazo para poder  avaliar os mesmos e fixar posición. O goberno PP- Somos Fene  fai de novo un exercicio de prepotencia e de falla de respeito á oposición ocultando os asuntos ata 24 horas antes da sesión plenaria.

O diálogo e a  paz social teñen que ser a bandeira das relacións laborais no Concello, e a negociación do Capítulo I de persoal, así como das ofertas de emprego son obrigatorias, aínda tendo o goberno a última palabra, a negociación non se pode furtar como foi neste caso.

O Grupo municipal do BNG rexeita as formas e o fondo da actuación deste goberno  escurantista e intransixente e demanda unha relación dialogada e transparente.






martes, 4 de setembro de 2018

Lembrando a Pancho

Como cada 4 de setembro dende o BNG de Fene non queremos deixar que acabe este día sen facer unha lembranza do noso compañeiro Pancho Allegue, que falecía tal noite coma hoxe en 2005 dun paro cardíaco con só 46 anos de idade.

Sindicalista, traballador e defensor incansable do noso sector naval e concelleiro nacionalista de Fene durante 18 anos seguidos, será sempre un referente e un exemplo a seguir para todas e todos nós. O seu legado de traballo incansable, de proximidade co pobo e, sobre todo, de limpeza e honestidade, segue moi presente entre os compañeiros e compañeiras do Bloque de Fene.




Alá onde esteas, moitas grazas.




mércores, 1 de agosto de 2018

O Alcalde de Fene despilfarra 2.900€ nunha explanada sobre a que había unha obra prevista dende o ano pasado


Foi a finais do mes de maio cando Gumersindo Galego anunciaba o arranxo da explanada anexa ao paseo de San Valentín por un importe de 2.900€. Os traballos consistiron no alisado da superficie mediante unha retroexcavadora e un pisón.
Menos de dous meses despois o mesmo Concello de Fene inicia unha obra prevista dende 2017 sobre ese espazo arranxado.

Para o BNG existe unha falla de coordinación entre a Concellaría de Obras  e a de Servizos, por non falar da nula capacidade do alcalde do PP en saber o que hai que facer e que está pendente.
A obra que se está a facer de separación de fecais e pluviais resulta ser a consecuencia da neglixencia do PP no seguimento das obras da EDAR que se realizaron hai 4 anos. O actual alcalde pasou de todo como nel é normal e foi durante o goberno do nacionalista Juventino Trigo cando houbo que xestionar a eliminación destas augas residuais.
Imaxe da explanada a día de hoxe na que se investiron 2.900 € a finais de maioOutro exemplo de ausencia de coordinación e despilfarro foi o pintado de pasos de peóns no mesmo barrio de San Valentín hai un mes e que agora se levantan coas obras de saneamento.







mércores, 11 de xullo de 2018

O ALCALDE DE FENE MENOSPREZA ÁS ARTISTAS CONTRATADAS POLO CONCELLO

Gumersindo Galego, nunhas declaracións a un medio de comunicación, cualifica as actividades programadas para o ciclo do Día da Patria Galega de “actividades para minorías, sen interese cultural nin para Fene, nin para a comarca”


Galego Feal, que na súa anterior etapa á fronte da alcaldía xa exerceu como censor, vetando unha exposición de Davila no Museo do Humor, exposición que logo recuperaría o goberno do BNG con grande éxito de público, e da súa falla de respecto pola creación artística, intentando chantar unha fotografía de El Rei na instalación de Patricia Dopico que preside o salón de plenos, intento abortado polo pleno da corporación municipal, volve á carga descualificando as actividades programadas para o ciclo do “Día da Patria Galega”.

Só quen despreza canto ignora é quen de se referir aos espectáculos de Circo Chosco; Ith; corais de San Valentín, Maniños, Sillobre e Eterna Xuventude; Tradicoro; rondallas Estrelecer e Perla do Río; Nautilus Band ou Ses como “para minorías” ou “carentes de interese cultural”.

Dende o BNG queremos transmitirlle ás artistas contratadas o noso público recoñecemento polo seu labor creativo ao tempo que instamos ao alcalde de Fene a rectificar as súas declaracións, pedíndolle desculpas públicas a todas elas.

Recomendámoslle ao alcalde de Fene que en lugar de proferir ex-abruptos asuma as súas responsabilidades e recoñeza publicamente os erros cometidos polo seu goberno coa máis que tardía e deficiente publicidade do ciclo do Día da Patria Galega.

Ao mesmo tempo, queremos agradecerlle á veciñanza que, malia á pésima publicidade, acudiu estes días á Praza do alcalde Ramón Souto González, constatando en vivo e en directo a calidade dos espectáculos contratados. Ao tempo, facemos un chamamento a veciños e veciñas a abarrotar o vindeiro venres, 13 de xullo, o parque lineal do Río Cádavo, na lectura da declaración institucional, e a Praza Ramón Souto González no concerto de Ses co que remata o ciclo do “Día da Patria Galega”.







mércores, 9 de maio de 2018

Acto público con Ana Pontón en Fene


O pasado 6 de Abril consumouse a alianza entre o PP e "Somos Fene" para desbancar do goberno municipal de Fene ao lexítimo goberno do BNG; nun noxento acordo que está en realidade máis vinculado a intereses que teñen a ver pouco cos intereses da veciñanza e moito con outros do ámbito persoal e particular das organizacións e persoas promotoras deste esperpento.



Ao marxe da aclaración necesaria ao conxunto da cidadanía de todo o relacionado con este asumto, a nosa organización entende que é preciso trasladar tamén ao conxunto da sociedade un compromiso que reafirme ao BNG na capacidade e na necesidade de continuar no proxecto ilusionante e transformador que o BNG comezara, nunha nova etapa, hai agora tres anos. 



Nesa liña, imos celebrar un primeiro acto aberto á cidadanía; que vai celebrarse o vindeiro venres dia 11 de Maio ás 19,30 h. na "Praza da Escola" en Perlío-Fene, e no que intervirán a portavoz nacional, Ana Pontón, e o compañeiro Juventino Trigo.






luns, 7 de maio de 2018

A ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE FENE ESIXE A DIMISIÓN DO PORTAVOZ SOCIALISTA NO CONCELLO

Chove sobre mollado. No Pleno do Concello de Fene do pasado xoves 3 de maio, o voceiro socialista Antón Noceda repetiu o seu espectáculo de persecución de traballadores pola súa orientación sindical e política. Un concelleiro que entrou na corporación no ano 2007 e que entre as súas teimas está a persecuión ideolóxica dos traballadores e traballadoras do concello de Fene. Este concelleiro dedícase con especial sectarismo e inquina a facer listaxes de traballadores “afíns e non afíns”, e a enviar correos electrónicos directamente a empregados e concelleiros poñendo en dúbida o labor de moito persoal municipal, sempre vinculado á posición ideolóxica e incluso á relación familiar de cada quen.

O concelleiro en cuestión estalle a facer o traballo suxo ao PP sendo un mamporreiro que acumula todo o seu desprestixio persoal e político na corporación, usando o insulto persoal e a descalificación como dialéctica habitual. Nos últimos anos, a súa ira e misoxínia foi contra a concelleira nacionalista Sandra Permui e o actual presidente do Comité de empresa.
Por todo isto, a Asemblea local nacionalista esixe a dimisión do portavoz socialista Antón Noceda. Todo indica que a dimisión á que se veu forzado en 2009, pola presión dos traballadores ao por aquel entón alcalde socialista Iván Puentes, non valeu para que reflexionara e variara a súa actitude cargada de manías persecutorias e paranoias actuando, antes e agora, con moi mala fe.
Antón Noceda pon o colofón á deriva do Partido socialista no concello, asinando unha moción de censura hai un ano e promovendo as dúas seguintes, xuntando interese e miserias de populares e tránsfugas da Marea de Fene.

A nivel institucional, o portavoz nacionalista Juventino Trigo advirte ao alcalde censor que debe impedir que os delirios e a persecución continúen, do contrario tomaranse as medidas máis efectivas para cada caso.

A nivel político, a Asemblea local do BNG de Fene trasladará a esixencia de dimisión do portavoz socialista á dirección galega do PSdeG-PSOE a través das canles orgánicas.



martes, 17 de abril de 2018

O BNG LAMENTA O ESPECTÁCULO DO PRIMEIRO PLENO DO GOBERNO DO PP-SOMOS FENE

Cun Pleno urxente  o novo bipartito de Fene impón ata os horarios e os días das Comisións Informativas, algo inaudito nos case  40 anos de concellos democráticos. O fondo e a forma dos asuntos a tratar era evidente que traerían un intenso debate entre os censores PP-Somos Fene, e o concelleiros do goberno saínte BNG-IU. 

O que non agardábamos no BNG era a mala educación, machista e desagradable do portavoz de Somos Fene que  logo dunha intervención da portavoz do Grupo mixto e concelleira de IU,despachouse cun "me la suda" 

Pois neste Pleno onde se aprobaron as dedicacións exclusivas, as horas e os días das comisións máis os representantes do Concello en diferentes órganos o Alcalde censor lonxe de ordenar o debate riulle a mala educación e as faltas de respeito ao seu socio, o portavoz transfuga de Somos Fene. Os papeis están ben definidos, os transfugas fanlle o traballo suxo ao PP dando estopa sen a máis mínima educación e os populares rinlle as grazas.  

Quedan 14 meses de dura oposión, control e seguiento do novo goberno, por parte do BNG,  que conta con maioría absoluta e no que xa se ve a faciana du PP  intolerante e trapalleiro.