“Os nacionalistas reuníronse cos representantes do persoal laboral e
funcionario do concello para explicar a moción”
O BNG de Fene, na liña
da decisión tomada pola organización a nivel nacional, rexeitamos as decisións
adoptadas polo Goberno central en materia de política económica que están a provocar
un agravamento da crise. O “programa de reformas” executado polo PP só deu como
resultados máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica, e
un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias.
A única política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos
económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais.
O último episodio desta
errática política económica constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de
xullo, que contén medidas destinadas á minoración retributiva e de dereitos
laborais para as empregadas e os empregados públicos, á redución das prestacións
por desemprego, á diminución do financiamento do sistema de axuda á dependencia,
á liberalización comercial que provocará perdas ao comercio tradicional fronte
ás grandes superficies comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE)
na imposición asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas
contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as
grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas.
Estamos perante unha
auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao
pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións
locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos
consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se
ten demostrado. Nada indica na práctica que a redución salarial
sobre as persoas traballadoras sexa unha medida que contribúe á reactivación
económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da
poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.
No caso concreto do
noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos
empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e
equivocada. Agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das
empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e
medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste
concello.
O Grupo Municipal do BNG pediralle
ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo:
1. Manifestar o
rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei
20/2012, do 13 de xullo.
2. Rexeitar a decisión de
impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos
concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto
sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
3. Compensar a perda do
poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando
á Alcaldía
a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese
obxectivo.