mércores, 6 de febreiro de 2013

O BNG DE FENE PIDE A COMPARECECENCIA DA PORTAVOZ DO PP NO PLENO ANTE A FALLA DE RESPOSTAS ÁS IRREGULARIDADES EN FACTURAS DO ANO 2012

Os nacionalistas de Fene presentaremos unha moción de urxencia ao Pleno ordinario de mañá xoves, na que se solicitará a comparecencia da portavoz popular, Rocío Bértoa, que tamén ostenta as delegacións de cultura, deportes e urbanismo.
A iniciativa de control do BNG á xestión da concelleira derívase da ocultación que fai o PP de pagos irregulares a  varias empresas. Existen duplicidades nos gastos realizados e contratacións verbais. No caso de Eulen, logo dun proceso de contratación no que só se presentou esta empresa dirixida pola irmá de Feijoo, desde o BNG denunciamos a súa neglixencia na limpeza da piscina no mes de xuño de 2012. Logo vimos que polo prezo de adxudicación era imposíbel que se realizasen os traballos, e agora atopámonos cunha facturación inflada que supera amplamente as condicións contratadas.
 
Os nacionalistas revisamos parte das facturas pagadas no exercicio 2012 e pedimos explicacións concretas por escrito o pasado 21 de decembro, e verbalmente no Pleno do 10 de xaneiro. O alcalde non deu explicación algunha. Agora tócalle responder ante o Pleno, xa que nas xuntas de goberno teñen aprobadas estas facturas con informes desfavorables.
 
No BNG queremos un Concello transparente nas contratacións de empresas e persoas, no que se dean respostas. Por isto pediremos a toda a Corporación apoio á nosa petición de comparecencia da portavoz popular ante o máximo órgano de representación democrática.
 
 
Grupo Municipal do BNG de Fene

Ningún comentario:

Publicar un comentario