O Pleno ordinario do concello de Fene, deste vindeiro xoves 7 de marzo, debaterá unha moción sobre os custes da autoestrada Fene-Coruña. Esta iniciativa ven motivada polas continuas subidas no custe da peaxe agudizándose desde o pasado 1 de xaneiro coa entraba en vigor, logo da autorización feita polo Ministerio de Fomento a finais de ano, dunha nova subida na peaxe da A9.
Para o BNG 4 subidas en 12 meses son inasumíbeis na práctica pola meirande parte da sociedade, xa que o custo do traxecto entre A Coruña e Vigo supera os 15 euros, mentres que o traxecto entre Ferrol e a fronteira de Tui –o percorrido completo da A9- achégase na práctica aos 20 euros.
Estamos a falar, pois, dunha das autoestradas máis caras do Estado e que, como se ten posto de manifesto en numerosas ocasións, leva o engadido do feito de non contar cun Programa de Descontos, a semellanza do que acontece noutras autoestradas do Estado. Os constantes incrementos dos prezos das peaxes – reiteramos que foron catro o pasado ano – nun contexto de grave crise económica, levan irremediabelmente á redución de usuarios da autoestrada. En troques, a utilización das estradas alternativas – nun estado deteriorado - levan a atascos e colapsos, ao non poder absorber o tráfico.
A incidencia desta situación – para o conxunto da poboación pero, nomeadamente, para os transportistas - na nosa comarca é maior aínda, xa que ao agravamento da crise e maior desemprego - co progresivo deterioro económico que leva consigo – hai que engadir o feito de non contarmos con vías alternativas en condicións. Por outra banda, os tramos de Miño a Cabanas e de Cabanas a Fene – que poderían actuar como alivio aos atascos que se producen na estrada convencional – resultan dos máis caros con relación á súa lonxitude.
A vista dos feitos expostos, desde o BNG entendemos que os concellos da comarca deberan de fixar unha estratexia común na defensa do conxunto das veciñas e veciños, para o que propomos a adopción dos seguintes acordos;
1.- Manifestar o rexeitamento da corporación á recente suba das peaxes na A9, polo impacto negativo que representa na xa deteriorada economía da comarca.
2.- Esixir do Ministerio de Fomento a urxente revisión da política de peaxes, que camiñe na dirección de rebaixar os custes das mesmas; nomeadamente na actual situación de grave crise.
3.- Solicitar a supresión da peaxe no tramo da A9 que vai de Miño a Fene.
4.- Demandar a urxente construción dun novo enlace da A9 no Polígono do Vidrieiro-Pontedeume.
Ningún comentario:
Publicar un comentario