venres, 8 de marzo de 2013

O PP DE FENE INCAPAZ DE EXPLICAR A FACTURACIÓN DE EULEN NA EXECUCIÓN DO CONTRATO DESDE XUÑO DE 2012

No  Pleno ordinario, celebrado o xoves 7 de marzo,  compareceu a petición do BNG a Concelleira de Cultura e Deportes, a popular Rocío Bértoa, para dar explicacións sobre a facturación de varias empresas principalmente a relacionada coa contratación desde xuño cos servizos de limpeza mantemento e conserxería das instalacións deportivas.

O GM do BNG levaba meses preguntando pola facturación deste servizo contratado por 171.000 que logo se incrementou pola subida do IVE en 3000 € máis. En seis meses, quedou probado, que o goberno gastou máis de 30.000 € dos inicialmente previstos. Tamén quedou claro que non foron quen de explicar en que se gastaron estes cartos a maiores. Os conceptos nas facturas son os mesmos reiteradamente, sen detalle algún de que se fixo diferente ou a maiores. 

Na súa comparecencia a concelleira mentiu, evitou contestar ou o fixo con evasivas ate rematar recoñecendo erros e a asunción da responsabilidade de telo feito mal.  O goberno do PP pagou varias veces  o mesmo servizo cos informes desfavorables da Intervención municipal.

Para os nacionalistas de Fene estas escusas non son válidas, xa que desde o minuto  un advertimos de falta de dilixencia e de erros evidentes na  vixilancia  do cumprimento  do servizo asumida directamente pola concelleira. Para o portavoz do BNG no concello Manuel Polo “quedou demostrado o descontrol na xestión da área polo que lle pedimos ao alcalde que releve á concelleira destas funcións”. Ao tempo o BNG de Fene queremos un concello transparente onde se responda con axilidade e claridade.



Ningún comentario:

Publicar un comentario