venres, 10 de maio de 2013

Constitúese a Comisión de investigación do contrato de limpeza, mantemento e conserxería das instalacións deportivas de Fene

Este mércores deron comezo os traballos da Comisión de investigación que trata de aclarar e aportar información aos grupos municipais do desfase entre o servizo contratado e o realmente facturado.
 
Foi no pasado Pleno do 2 de maio onde se aprobou por unanimidade a creación desta Comisión de investigación. Para o BNG, que foi quen fixo a proposta, é necesario por branco sobre negro neste asunto. Existen irregularidades como é que se facturou dúas veces  polo mesmo traballo, “isto ou ten unha explicación ou hai alguén que terá que ter responsabilidade” afirmou o portavoz Manuel Polo.
 
Xa no mes de marzo tivera que comparecer a concelleira Rocío Bértoa a petición dos nacionalistas, naquela comparecencia quedaron cuestións sen aclarar, e máis ben serviu para confundir máis a quen non tivese toda a información.
 
Na Comisión constituída este mércores os nacionalistas solicitaron unha aclaración polo miúdo de todas as facturas da empresa Eulen emitidas nos meses que leva desenvolvendo o contrato e ao tempo que o goberno explique as grandes diferenzas económicas existentes entre o contrato elaborado en 2012 e o que se está a licitar na actualidade. Son uns 60.000 de diferenza que non tiveron unha explicación  soportada documentalmente cun informe técnico.
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario