xoves, 2 de maio de 2013

O GOBERNO DO PP EXCLÚE ÁS EMPRESAS LOCAIS DUNHA ADXUDICACIÓN DE 577.O25,48 €

O Grupo Municipal do BNG  rexeitou participar na Mesa de Contratación que ten que adxudicar os servizos de limpeza, mantemento e conserxería das instalación deportivas do Concello de Fene por un importe de 577.025,48 máis IVE para tres anos. A razón fundamental desta  postura dos nacionalistas ven determinada pola aprobación pola Xunta de Goberno Local dunhas condicións para presentarse ao que non poden acceder as empresas de Fene nin da Comarca de Ferrol. O prego de prescricións administrativas esixe clasificacións en mantemento e limpeza do nivel máis alto e que está orientado para favorecer ás grandes empresas multiservizos e que impiden na práctica o acceso das empresas locais. En toda a provincia da Coruña tan só hai 3 empresas que contan coas dúas clasificacións esixidas.
 
“En pleno debate do Plan de reactivación económica e polo emprego non é de recibo que o goberno de Fene impida o acceso aos concursos ás empresas locais favorecendo ás multinacionais” afirmou o concelleiro nacionalista Juventino Trigo.
 
As ofertas presentadas hoxe no Concello veñen a confirmar este extremo criticado polo BNG,  xa que as empresas son dúas de Madrid, unha de Valladolid, unha de Segovia e a última de Bilbao.




 
 
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario