O BNG de Fene, coma todos os anos, organiza un acto para conmemorar o 25N - Día internacional contra a violencia machista. Este ano consistirá nunha andaina urbana desde a Casa do Concello de Fene até a parroquia de San Valentín onde nos sumaremos ao acto organizado pola Marcha Mundial das Mulleres na nosa comarca. SÚMATE A LOITAR CONTRA ESTA LACRA.
xoves, 23 de novembro de 2017
venres, 27 de outubro de 2017
COMUNICADO DO BNG EN RELACIÓN AO PLENO DE MOCIÓN DE CENSURA EN FENE
Onte á mañá a primeira hora rexistrouse no Concello de Fene un escrito asinado polo partido Participación Democrática Directa de Galicia, as siglas baixo as que se presentaron ás eleccións os concelleiros de Somos Fene. Neste escrito, dirixido á mesa de idade, reafírmanse na súa decisión de expulsar aos concelleiros César Castro e Xoán Manuel Bastida da súa organización política e, polo tanto, solicitan á mesa de que exclúa do cómputo da votación ao estes dous concelleiros. Visto este escrito e as súas consecuencias, a mesa de idade paraliza o pleno porque non se dan as condicións que marca a lei electoral para a celebración da moción de censura.
A presentación deste escrito reafirma o feito de que estes dous concelleiros son tránsfugas e non están en condicións de asinar unha moción de censura, independentemente de que o procedemento na vía xudicial siga o seu curso normal.
Desde o BNG consideramos que, aínda que nesta ocasión non lles teña saído ben o segundo intento, hoxe é un día triste para Fene. É un día triste porque o partido dos 800 imputados por corrupción, o partido do que quedou “abrumadoramente acreditado” segundo a fiscalía, que se financian cunha caixa B, nun intento desesperado por ocupar os sillóns, apóiase en dous tránsfugas, dous tránsfugas rexeitados por toda a sociedade, rexeitados en numerosas ocasións pola súa propia organización e polas que se dicían afíns.
Queremos agradecer tamén o xesto do partido Participación Democrática Directa de Galicia e o esforzo realizado para confirmar que os dous concelleiros de Somos Fene non os representan.
Dende o BNG emprazamos a toda a oposición de Fene para que, a partir de hoxe, contribúan ao bo funcionamento do Concello.
Nós, pola nosa parte, seguiremos traballando na mesma liña desde agora mesmo.
sábado, 21 de outubro de 2017
venres, 1 de setembro de 2017
O BNG de Fene esixe a dimisión do concelleiro do PP, Andrés Serantes, por estar investigado por malversación de fondos públicos

O Consello do Local do BNG considera insostíbel que un concelleiro investigado por malversación no exercicio do seu cargo público no período 2011-2015 manteña a acta como edil na actual corporación.
Os feitos son gravísimos nun cargo público, a malversación de fondos, a desaparición de material e diñeiro de toda a veciñanza de Fene. A simple imputación por estes delitos debería ser motivo suficiente para que o propio PP o obrigase a dimitir.
No BNG xa denunciamos, no mandato anterior, as prácticas deste concelleiro, como unha tala e desaparición de carballos nunha propiedade municipal en Magalofes que o anterior alcalde do PP pasou por alto.
Os nacionalistas de Fene esiximos a súa dimisión. Estamos a falar dun delito que ademais, puido ser continuado no tempo e abusando do cargo de concelleiro. Ao tempo observamos con perplexidade que a oposicíon (PSOE e Somos Fene) se unisen para asinar unha moción de censura co PP cando era coñecida a investigación por posíbel malversación de fondos públicos. Inclúso é sorprendente que feitos públicos datos da investigación manteñan a unidade de acción na oposición cando, tiveron durísmas consecuencias como a expulsión e a perda do Grupo municipal dos edis de Somos Fene ou a forte crise interna socialista que trascendeu publicamente.
Por último, o BNG de Fene, imos realizar unha campaña informativa para que todo o noso pobo teña coñecemento do que está a pasar na institución municipal.
xoves, 24 de agosto de 2017
A oposición de Fene rexeita o debate sobre a participación dos non adscritos nas comisións informativas
No día de onte o goberno local de Fene tiña convocada unha Comisión informativa de Organización extraordinaria. Nesta Comisión tratábase de reorganizar a representación nas Comisións Informativas. Esta reorganización faise necesaria logo da expulsión dous concelleiros de Somos Fene do seu grupo político (PDD de Galicia). A expulsión derívase de ter asinado estes a moción de Censura o pasado 6 de xuño, razón pola que o PDD Galicia, partido creado por parte dos integrantes da Marea para as municipais de 2015, expulsou aos seus edís en Fene César Castro e Xoán Manuel Rodríguez.
A partir dese momento os dous concelleiros pasan a ser Non adscritos, tal e como contempla a lei, da nova situación deuse conta no Pleno ordinario de agosto xunto cos informes xurídicos da Secretaría Municipal que así o xustificaban.
Perdidos os dereitos como grupo político dáse unha nova situación na que os dous concelleiros manteñen dereitos individuais. Entre estes dereitos está o de ter presenza en todas as Comisións Informativas.
Toda a oposición, con Gumersindo Galego do PP de portavoz, rexeitou a urxencia da Comisión e polo tanto obstaculizaron que os dous concelleiros teñan representación en todas as comisións vulnerando o dereito á información e os seus dereitos individuais como concelleiros.
Para o BNG de Fene resulta totalmente anormal que se intente paralizar e crispar a vida municipal con asuntos que son de trámite. A actitude da oposición responde á desesperación de ver que o Concello de Fene funciona con normalidade e eficacia con 5 persoas no goberno. Dende que se frustrou a presentación da moción de censura o boicot é total por parte do conxunto da oposición paralizando asuntos importantes como a desafectación da escola do Pedrón de Magalofes para facilitar o arranxo da antena dos radioafeccionados ou o rexeitamento de parte dos acordos do persoal municipal en canto á relación de postos de traballo municipal.
mércores, 12 de xullo de 2017
Dous anos na alcaldía
Dispoñible un novo boletín editado polo Grupo Municipal do BNG de Fene con motivo dos dous anos ao frente da alcaldía de Fene: Actuacións e xestións do goberno de Fene, a transformación como alternativa na xestión do BNG, a moción de censura frustrada do PP, PSOE e SOMOS FENE... etc.
na seguinte ligazón: https://pt.calameo.com/read/002546292635a65b4f5a2
venres, 2 de xuño de 2017
O BNG AGARDA QUE O PSOE RECTIFIQUE O APOIO A UNHA MOCIÓN DE CENSURA CO PP EN FENE
Os nacionalistas de Fene, a través da súa portavoz local Digna Faraldo, amosaron a súa preocupación pola situación do PSOE na localidade. Para o BNG o PSOE na localidade foi un aliado para acadar o obxectivo de que Fene contase cun goberno alternativo ao do PP. Os incumprimentos co orzamento de 2016 levaron ao Alcalde a cesalos das súas competencias, máis desde o BNG sempre mantivemos as canles de comunicación coa organización socialista a diferentes niveis.
Lamentamos que o do portavoz local dos socialistas impedise manter un goberno forte e unhas relacións políticas propias dunha institución con 5 forzas políticas onde o equilibrio e a diplomacia deberían ser a base para mellorar os servizos públicos e a atención á veciñanza.
En canto á posible moción de censura, é algo evidente que o PP alí onde pode compra vontades. Para os populares os custes políticos son mínimos e os beneficios moitos. O PP trata as institucións como cortellos individuais de cada un deles nos que pesan os intereses persoais e non a atención á veciñanza. A acción de goberno do BNG e IU está clarísimo que se atopa nas antípodas do PP. Nas formas e no fondo, transparencia, igualdade, rigor e traballo fronte ao favor, o caciqueo, os enchufes, as papatorias e as chapuzas.
Para o BNG estamos no reto de pasar dous anos gobernando para o pobo ou desenmascarando ao PP e os seus aliados. Nós sabemos onde estamos e cales son as nosas funcións, e as nosas prioridades pasan pola mellora do benestar do noso pobo, favorecer espazos de liberdade e igualdade de oportunidades, mellora dos servizos públicos e un compromiso coa nosa lingua e cultura .
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)