venres, 2 de febreiro de 2018

O PP VIVE DAS TROLAS AO ESTILO DE DONALD TRUMP

A última “nova” difundida polos populares de Fene é propia da pluma de Calleja ou Green, un conto. 

Afirmar que a rotonda de San valentín está abandonada non resiste a evidencia, ou dicir que o paseo marítimo está descoidado, só responte aos paus de cego de quen de súpeto quere facer oposición a base de notas de prensa. Sá hai que pasear pola zona para ver que está en bo estado de conservación e que o goberno local actúa, como fixo coa última instalación de alumeado na parte que conecta o Polideportivo da Xunqueira co anfiteatro, o paseo marítimo e a Avenida do mar.

A única evidencia que existe é que Fene funciona, os servizos básicos competencia do Concello realizanse día a día e os proxectos novos están nas mans da maioría do Pleno. No caso do barrio de San Valentín os tres grupos da oposición ( PP, PSOE e Somos Fene) negáronse a aprobar un proxecto de máis de 200.000 € para construir unha zona de lecer nos prados existentes na contorna da praia de San Valentín, obras que consisten no drenado, axardinamento, dotación de zonas recreativas con mesas e barbacoas ademais dunha zona de esparcemento canina. Este proxecto responde a unha demanda do Centro de Promoción social de San Valentín.
No BNG vemos con sorpresa como o PP é incapaz de facer unha soa proposta constructiva, sendo a súa actuación impropia, de que se di forza de goberno, actuando como trileros coa xudicialización da políticia local, o matonismo e a mentira.

Rotonda de San Valentín

xoves, 23 de novembro de 2017

25N - Día internacional contra a violencia machista

O BNG de Fene, coma todos os anos, organiza un acto para conmemorar o 25N - Día internacional contra a violencia machista. Este ano consistirá nunha andaina urbana desde a Casa do Concello de Fene até a parroquia de San Valentín onde nos sumaremos ao acto organizado pola Marcha Mundial das Mulleres na nosa comarca. SÚMATE A LOITAR CONTRA ESTA LACRA.




venres, 27 de outubro de 2017

COMUNICADO DO BNG EN RELACIÓN AO PLENO DE MOCIÓN DE CENSURA EN FENE

Onte á mañá a primeira hora rexistrouse no Concello de Fene un escrito asinado polo partido Participación Democrática Directa de Galicia, as siglas baixo as que se presentaron ás eleccións os concelleiros de Somos Fene. Neste escrito, dirixido á mesa de idade, reafírmanse na súa decisión de expulsar aos concelleiros César Castro e Xoán Manuel Bastida da súa organización política e, polo tanto, solicitan á mesa de que exclúa do cómputo da votación ao estes dous concelleiros. Visto este escrito e as súas consecuencias, a mesa de idade paraliza o pleno porque non se dan as condicións que marca a lei electoral para a celebración da moción de censura.

A presentación deste escrito reafirma o feito de que estes dous concelleiros son tránsfugas e non están en condicións de asinar unha moción de censura, independentemente de que o procedemento na vía xudicial siga o seu curso normal.

Desde o BNG consideramos que, aínda que nesta ocasión non lles teña saído ben o segundo intento, hoxe é un día triste para Fene. É un día triste porque o partido dos 800 imputados por corrupción, o partido do que quedou “abrumadoramente acreditado” segundo a fiscalía, que se financian cunha caixa B, nun intento desesperado por ocupar os sillóns, apóiase en dous tránsfugas, dous tránsfugas rexeitados por toda a sociedade, rexeitados en numerosas ocasións pola súa propia organización e polas que se dicían afíns.

Queremos agradecer tamén o xesto do partido Participación Democrática Directa de Galicia e o esforzo realizado para confirmar que os dous concelleiros de Somos Fene non os representan.

Dende o BNG emprazamos a toda a oposición de Fene para que, a partir de hoxe, contribúan ao bo funcionamento do Concello.

Nós, pola nosa parte, seguiremos traballando na mesma liña desde agora mesmo.




venres, 1 de setembro de 2017

O BNG de Fene esixe a dimisión do concelleiro do PP, Andrés Serantes, por estar investigado por malversación de fondos públicos

Logo de meses de investigación, o pasado mes de xullo a Garda Civil deu por rematado o atestado no que se investiga a desaparición de mais de 288 báculos de aceiro e 50 farolas valoradas en máis de 3.000€ no Concello de Fene.  O xulgado do Penal número 3 de Ferrol abriu dilixencias e investiga ao edil do PP, Andrés Sernates, que foi delegado de servizos no mandato do popular Gumersindo Galego de 2011 a 2015. 


O Consello do Local do BNG considera insostíbel que un concelleiro investigado por malversación no exercicio do seu cargo público no período 2011-2015 manteña a acta como edil na actual corporación.

Os feitos son gravísimos nun cargo público, a malversación de fondos, a desaparición de material e diñeiro de toda a veciñanza de Fene. A simple imputación por estes delitos debería ser motivo suficiente para que o propio PP o obrigase a dimitir. 
No BNG xa denunciamos, no mandato anterior, as prácticas deste concelleiro, como unha tala e desaparición de carballos nunha propiedade municipal en Magalofes que o anterior alcalde do PP pasou por alto.

Os nacionalistas de Fene esiximos a súa dimisión. Estamos a falar dun delito que ademais, puido ser continuado no tempo e abusando do cargo de concelleiro. Ao tempo observamos con perplexidade que a oposicíon (PSOE e Somos Fene) se unisen para asinar unha moción de censura co PP cando era coñecida a investigación por posíbel malversación de fondos públicos. Inclúso é sorprendente que feitos públicos datos da investigación manteñan a unidade de acción na oposición cando, tiveron durísmas consecuencias como a expulsión e a perda do Grupo municipal dos edis de Somos Fene ou a forte crise interna socialista que  trascendeu publicamente.

Por último, o BNG de Fene, imos realizar unha campaña informativa para que todo o noso pobo teña coñecemento do que está a pasar na institución municipal.  



xoves, 24 de agosto de 2017

A oposición de Fene rexeita o debate sobre a participación dos non adscritos nas comisións informativas

No día de onte o goberno local de Fene tiña convocada unha Comisión informativa de Organización extraordinaria. Nesta Comisión tratábase de reorganizar a representación nas Comisións Informativas. Esta reorganización faise necesaria logo da expulsión dous concelleiros de Somos Fene do seu grupo político (PDD de Galicia). A expulsión derívase de ter asinado estes a moción de Censura o pasado 6 de xuño, razón pola que o PDD Galicia, partido creado por parte dos integrantes da Marea para as municipais de 2015, expulsou aos seus edís en Fene César Castro e Xoán Manuel Rodríguez.


A partir dese momento os dous concelleiros pasan a ser Non adscritos, tal e como contempla a lei, da nova situación deuse conta no Pleno ordinario de agosto xunto cos informes xurídicos da Secretaría Municipal que así o xustificaban.


Perdidos os dereitos como grupo político dáse unha nova situación na que os dous concelleiros manteñen dereitos individuais. Entre estes dereitos está o de ter presenza en todas as Comisións Informativas.


Toda a oposición, con Gumersindo Galego do PP de portavoz, rexeitou a urxencia da Comisión e polo tanto obstaculizaron que os dous concelleiros teñan representación en todas as comisións vulnerando o dereito á información e os seus dereitos individuais como concelleiros.


Para o BNG de Fene resulta totalmente anormal que se intente paralizar e crispar a vida municipal con asuntos que son de trámite. A actitude da oposición responde á desesperación de ver que o Concello de Fene funciona con normalidade e eficacia con 5 persoas no goberno. Dende que se frustrou a presentación da moción de censura o boicot é total por parte do conxunto da oposición paralizando asuntos importantes como a desafectación da escola do Pedrón de Magalofes para facilitar o arranxo da antena dos radioafeccionados ou o rexeitamento de parte dos acordos do persoal municipal en canto á relación de postos de traballo municipal.









mércores, 12 de xullo de 2017

Dous anos na alcaldía

Dispoñible un novo boletín editado polo Grupo Municipal do BNG de Fene con motivo dos dous anos ao frente da alcaldía de Fene: Actuacións e xestións do goberno de Fene, a transformación como alternativa na xestión do BNG, a moción de censura frustrada do PP, PSOE e SOMOS FENE... etc.