Juventino Trigo encabeza de novo a lista electoral do BNG de Fene para as vindeiras eleccións municipais. Xunto a el, e como resultado das asembleas abertas celebradas ao longo das últimas semanas, aparecen persoas moi relacionadas co tecido asociativo do municipio, así como persoas simpatizantes que accederon a participar deste proxecto, elaborado coa firme decisión de gobernar Fene o próximos catro anos.
Sandra Permuy, de San Valentín, ocupa o segundo posto da candidatura. Justo Martínez-Ardá, actual concelleiro, séguea no terceiro. Mariela Aguilar, simpatizante do BNG e presidenta da Asociación Ecoloxista AETNA, vai no cuarto posto, e compaxinará este labor co seu traballo na sociedade e na Comisión de Festas de Maniños. Do mesmo xeito, Alberto Maceiras, de Perlío, pecha este primeiro tramo, no que se combinan de xeito notable a profesionalidade, a aposta pola cultura, polos servizos sociais e pola a atención á veciñanza.
Para o alcaldable, Juventino Trigo, esta candidatura “é o resultado dun proceso aberto cos veciños e veciñas de Fene e, en consecuencia, tanto no primeiro tramo coma no resto da lista temos xente preparada e moi activa en temas sociais e culturais”.