mércores, 30 de decembro de 2015

Feliz 2016!

A Asemblea Local do BNG de Fene desexa a toda a militancia, simpatizantes e veciñanza un Feliz ano 2016.

Hoxe teremos uns petiscos no noso local a partir das 20h. onde todo o mundo está convidado.


venres, 4 de decembro de 2015

Candidatos da Comarca de NÓS-Candidatura Galega

Continuar coa senda iniciada polo nacionalismo galego nas Cortes no ano 1996, facendo de NÓS, candidatura galega a voz e a forza da nosa comarca. Eis o compromiso da candidata e candidatos da comarca que forman parte das listas de NÓS-Candidatura Galega para as eleccións do vindeiro 20 de Decembro. 


Ilusionad@s en partillar unha candidatura que provén da pluralidade, da xenerosidade e do compromiso co País; ao tempo que conscientes da responsabilidade de facer nosa a reclamación dunha comarca que quere defender o dereito a producir, vivir e traballar na propia terra.
A partir de hoxe comezou un traballo intenso, como facemos no día a día. Coa xente, e para a xente. Aí estamos NÓS !!!





· Manuel Polo (vice-responsábel comarcal do BNG e ex portavoz municipal do BNG de Fene)
· Beatriz Bascoy (Alcaldesa de Moeche)
· Secundino García (Alcalde de S. Sadurniño)




xoves, 3 de decembro de 2015

Exhibición de deporte inclusivo no Polideportivo "O Ramo"

O pasado luns 30 de novembro o Polideportivo  Municipal "O Ramo" de Barallobre acolleu unha actividade para dar a coñecer o deporte inclusivo con participantes das escolas de deporte adaptado da Mancomunidade e alumnado do CEIP o Ramo.

Ao longo da xornada, coa asistencia do alcalde de Fene Juventino Trigo e representantes municipais de concellos da Comarca, houbo exhibicións de slalom en cadeira de rodas, boccia, baloncesto en cadeira de rodas e baile, nas que puideron participar os propios alumnos e alumnas do centro para coñecer por si mesmos estas modalidades, de acordo co enfoque inclusivo desta iniciativa.  

As escolas de Deporte Inclusivo da Mancomunidade contan cunha subvención da Deputación da Coruña, e na súa impartición colaboran as entidades ADM (Boccia, Slalom e Tenis), Basketmi (baloncesto), Vida Activa (baile) e COGAMI (pilates). 

Destacar que no Pavillón Polideportivo "O Ramo" se desenvolve  os xoves de  17:30 a 19:00 a actividade Baloncesto en cadeira de rodas. Actividade enmarcada no Programa de deporte e actividade física adaptada e inclusiva.

Juventino Trigo animouse a probar co "Slalom en cadeira de rodas"


xoves, 26 de novembro de 2015

O goberno de Fene prepara unha actuación integral para a seguridade viaria da Avenida Marqués de Figueroa

A concellería de Persoal, Seguridade, Formación e Emprego, en coordinación coa Policía Local de Fene, traballa na realización de varios proxectos encamiñados a mellorar a seguridade viaria nunha das arterias principais do municipio; a Avenida Marqués de Figueroa.
Mellorar a iluminación, buscar novos sistemas de sinalización lumínica dos pasos de peóns, que garantan a seguridade e tamén a sostibilidade ambiental, e reducir a velocidade nesta vía, son algunhas das actuacións previstas no proxecto que, tal e como declarou a concelleira responsable, Sandra Permuy, "dotarán a esta avenida dun equipamento adaptado ao urbanismo do século XXI; ecolóxico, seguro e moderno".
A Avenida Marqués de Figueroa rexistra desde hai anos un nivel alto de sinistros por atropelos, dado que se trata dunha vía con moita actividade comercial e de ocio e, polo tanto, moi transitada por vehículos e por peóns. Esta actuación integral buscar rematar con estes sinistros e, ao mesmo tempo, facer a rúa máis accesible e cómoda para a veciñanza.



luns, 23 de novembro de 2015

Acto no día contra a violencia machista no noso local

Un ano máis, o local do BNG de Fene abre as súas portas para conmemorar a celebración do 25 de novembro e no que toda a veciñanza ten cabida. Este ano constará da proxección dun filme enfocado na violencia que sufren as mulleres nos conflictos bélicos.

Será este mércores, o propio día 25 de novembro, a partir das 18.30 horas.
Trala longametraxe estades tod@s convidad@s, tamén como todos os anos, a uns petiscos realizados básicamente con productos desta época do ano.


Animádevos a asistir e convidar a quen vexades!!





xoves, 5 de novembro de 2015

Acto do BNG na AV de Perlío

GALIZA, A FORZA QUE NOS UNE


Baixo este lema o BNG está a facer unha serie de actos por todo o país sobre os 20 anos de presenza do bloque no Congreso e da importancia dun grupo parlamentar galego no mesmo.

Este venres ás 20:30h na Asociación Veciñal de Perlío o BNG de Fene e de Neda organizamos o noso acto, aberto a todo o mundo, e que contará coas intervencións de Bieito Lobeira, Secretario de Organización do BNG, Helena Pardo, portavoz do BNG no Concello de Neda e Juventino Trigo, alcalde de Fene.




xoves, 29 de outubro de 2015

Juventino Trigo recibe ao presidente da Deputación Provincial

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, recibiu este mediodía ao presidente da Deputación provincial, Valentín García Formoso, na que foi a primeira visita institucional do novo mandatario provincial ao Concello de Fene.

Juventino Trigo aproveitou esta primeira toma de contacto para trasladarlle algunhas das suxestións do goberno local en relación con proxectos que levan moitos anos paralizados.

Tratouse tamén o tema do punto limpo de Vilar do Colo, proxecto mancomunado que o Concello de Fene pretende levar adiante cos Concellos de Cabanas, Ares e Mugardos.  Sobre esta cuestión, o alcalde de Fene pediu a Valentín García que a Deputación da Coruña elabore, no menor tempo posible, o informe que o Concello precisa para poder sacar adiante o proxecto e poñer en funcionamento o tan demandado punto limpo.

En Fene son varias as estradas propiedade da Deputación Provincial. O alcalde de Fene trasladou a Valentín García a necesidade de acometer a construcción de beirarruas na estrada da Armada, a continuidade da de Barallobre dende a igrexa parroquial ao Instituto ou a arteria viaria principal de Magalofes. A seguridade dos peóns está en xogo en calquera delas.

En relación cos diversos Plans Provinciais previstos para o 2016 -dos cales o Concello de Fene recibirá en torno a 340 mil euros do Plan de Acción Social e 250 mil do Plan de Obras e Servizos- falouse na xuntanza da posibilidade de que o Concello de Fene destine parte destes investimentos á renovación  de servizos e beirarrúas na Avda das Pías, dende San Valentín ao cruce de Fene.

Á marxe das obras pendentes e dos novos proxectos que o Goberno Municipal de Fene pretende abordar coa colaboración da Deputación, o alcalde de Fene expuxo ao presidente do organismo provincial a situación do naval en Fene e demandou a Valentín García un plan de acción comun do Concello coa Deputación para exixir carga de traballo para o asteleiro de Fene.

O presidente da deputación coruñesa asinou no libro de honra do concello de Fene ao remate da visita institucional.