mércores, 17 de abril de 2013

O BNG PIDE UNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN PARA ACLARAR A FACTURACIÓN DE EULEN NA ÁREA DE DEPORTES

Os nacionalistas vimos de rexistrar unha moción no concello para aclarar a facturación de Eulen no servizo de limpeza, conserxería e mantemento das instalacións deportivas. Desde o inicio do contrato en xuño de 2012 detectáronse numerosas irregularidades tanto por parte de persoas usuarias, grupos políticos, como da Intervención  municipal.

No pasado mes de febreiro solicitamos desde o BNG a comparecencia da concelleira responsábel da área e ademais presidenta da Mesa de contratación. No Pleno ordinario de marzo  tivo lugar a comparecencia solicitada. Na mesma, non aclarou as diferenzas económicas existentes, as dobres facturacións e o sobrecuste existente dunha cifra próxima aos 30.000 € en seis meses de contrato (xuño-novembro de 2012).

No ano 2013 sigue existindo a dobre facturación do contrato, por unha banda o concello paga  o contratado máis a parte paga o mantemento do campo de fútbol que estaba incluído no Prego de prescrición técnicas e administrativas. Con isto atopámonos cun concurso manipulado e viciado de partida nuns 28.500 €.

A Xunta de Goberno aprobou un novo prego de prescricións técnicas e administrativas que saíu publicado o pasado 23 de marzo. A contía deste novo contrato pasa dos 171.000€ do ano 2012 a 232.733, aproximadamente 60.000 € máis ao ano de diferenza.

Ademais deste incremento económico o Prego esixe dúas clasificacións que beneficia exclusivamente ás grandes empresas e deixa sen opción a todas as empresas da comarca de Ferrolterra.
Por todo isto desde o GM do BNG pedimos a creación dunha comisión de investigación conformada proporcionalmente por todos os Grupos Municipais co obxectivo de aclarar, e se é o caso depurar, as responsabilidades existentes derivadas do contrato de mantemento, limpeza e conserxería das instalacións deportivas. Ademais os nacionalistas pretendemos non demorar os traballos da comisión acordando un calendario no que a data tope de conclusións sexa o mes de xuño de 2013.



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario