venres, 19 de outubro de 2012

Acto da fin de campaña comarcal en Perlío

Hoxe venres a partires das 21:30 celebramos o acto comarcal de fin da campaña na Praza da Escola de Perlío (diante da A.VV de Perlío) coas intervencións dos candidatos comarcais ao Parlamento: Fernando Branco, Manuel Polo e Mercedes Tobío, actuacións musicais e Magosto popular. 

Grazas a tod@s @s que nos botástes unha man nesta campaña!



sábado, 29 de setembro de 2012

Francisco Jorquera celebra este luns en Fene o 30 aniversario do BNG



O pasado 26 de setembro cumpríronse 30 anos desde a formación do Bloque Nacionalista Galego na Asemblea de Riazor. Para celebralo, o candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, partipará nunha charla-coloquio que se celebrará este luns, 1 de outubro, no Círculo de Perlío, a partir das 20 horas.




Jorquera estará acompañado pola responsábel local do BNG de Fene, Digna Faraldo, así como polos candidatos da comarca de Ferrolterra ao Parlamento de Galiza: Manuel Polo (Fene) e Fernando Branco Parga (As Pontes). Participarán tamén cidadáns relacionados co sector naval e co marisqueo, os dous sectores produtivos de maior relevancia na zona. Ademais, haberá un coloquio aberto a todas as persoas que queiran participar.

As contradicións sobre os floteis supostamente contratados á mexicana PEMEX, os problemas coas bateas ou o saneamento da ría serán algúns dos temas a tratar neste acto, no que o BNG exporá as súas propostas nestes eidos e as súas alternativas de cara as vindeiras eleccións do 21 de outubro.




xoves, 27 de setembro de 2012

Francisco Jorquera en Fene

Convidámosvos ao Acto Púbico que desenvolverá o BNG no Círculo C.R.D. de Perlío este luns 1 de outubro ás 20:00 horas, no que falarán:

·Manuel Polo Gundín 
(Portavoz do grupo municipal do BNG de Fene e candidato nº9  ao Parlamento pola provincia d'A Coruña)

·Fernando Branco Parga 
(Deputado e candidato nº4)

·Francisco Jorquera Caselas 
(Candidato á presidencia da Xunta)


Presenta o acto a responsábel local do BNG de Fene, Digna Faraldo.

https://www.facebook.com/events/415532168496642/

PARA FACERLLES FRENTE, GOBERNEMOS NÓS A NOSA TERRA!



mércores, 19 de setembro de 2012

O BNG de Fene satisfeito co arquivo da denuncia contra Rivera Arnoso


A responsábel local nacionalista, Digna Faraldo, quere amosar a satisfacción do BNG de Fene ante o arquivo da denuncia presentada contra o ex alcalde nacionalista de Fene Xosé Maria Rivera Arnoso por falsificación. 
 
Os nacionalistas de Fene queremos manifestar que o BNG gobernou 28 anos con eficacia e transparencia e que  o ex-alcalde socialista Iván Puentes obrou de mala fe na denuncia contra Rivera Arnoso xa que sabía que tan so había un "atallo" administrativo para non perder unha subvención no seu momento.  
O alcalde socialista intentou obter vantaxe política  duns feitos concretos desacreditando a xestión de 28 anos do BNG en Fene.  A realidade é teimuda e demostrou que o Psdeg-PSOE  gobernou 4 anos ineficazmente e xudicializando a política local e o que resulta máis grave incapaz de realizar as obras para as que tiña fondos por máis de 2,5 millóns de euros.  
As obras na casa de propiedade municipal, obxecto da denuncia, segue sen rematar e o PP, actualmente no goberno, vai renunciar a 200.000€ que lle deu a deputación no mandato anterior por ser incapaz de sacar adiante a  contratación desta obra.  A antiga Casa de Cela  está en ruínas. Hoxe vemos como fronte ao intento de rehabilitala atopámonos a mala fe de uns e a ineficacia dos outros.

Para o portavoz nacionalista no concello Manuel Polo Gundín “ e lamentábel o estado de ruínas da casa, por iso imos esixir responsabilidades políticas polo deterioro do patrimonio municipal ao alcalde actual e  ao anterior”.







martes, 28 de agosto de 2012

Homenaxe a Pancho Allegue



O BNG de Fene organiza, como cada ano, un acto de homenaxe a Pancho Allegue. 

No sétimo aniversario do seu falecemento, non esquecemos o seu traballo e compromiso co pobo, que deixou unha pegada presente aínda en todos os recunchos do municipio. Por iso, comprácenos convidarvos a esta lembranza que terá lugar, como é habitual, ao pé do monumento dedicado á súa memoria no Parque de Castelao, o vindeiro domingo, 2 de setembro ás 12 da mañá.

Intervirán:

Manuel Grandal, portavoz comarcal da CIG.
Rita Couto, concelleira do BNG no Concello de Fene.

Presenta: Digna Faraldo, responsable local do BNG de Fene.


martes, 21 de agosto de 2012

O BNG DE FENE PRESENTA A MOCIÓN NA QUE SE REXEITA A ELIMINACIÓN DA PAGA EXTRA AO PERSOAL DO CONCELLO

“Os nacionalistas reuníronse cos representantes do persoal laboral e funcionario do concello para explicar a moción”

 
O BNG de Fene, na liña da decisión tomada pola organización a nivel nacional, rexeitamos as decisións adoptadas polo Goberno central en materia de política económica que están a provocar un agravamento da crise. O “programa de reformas” executado polo PP só deu como resultados máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica, e un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. A única política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais. 

O último episodio desta errática política económica constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de xullo, que contén medidas destinadas á minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e os empregados públicos, á redución das prestacións por desemprego, á diminución do financiamento do sistema de axuda á dependencia, á liberalización comercial que provocará perdas ao comercio tradicional fronte ás grandes superficies comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE) na imposición asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas. 

Estamos perante unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica. 

No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste concello.

O Grupo Municipal do BNG pediralle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo:

1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.
2. Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
3. Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.


venres, 10 de agosto de 2012

O BNG DE FENE DEMANDA A LIMPEZA DAS ESTRADAS PROVINCIAIS


Os nacionalistas de Fene queremos facer público a demanda cidadá existente ante a falla de limpeza das vías provinciais no concello de Fene. As estradas son as seguintes:
 
 





  






                  CP-1503 Perlio-Lavandeira



 CP-3503 Barallobre-Belelle                 

Esta situación incrementa o perigo nestas estradas e deixa a peóns e ciclistas nunha indefensión total. Ademais da inseguridade no tráfico esta situación de maleza pode causar problemas graves en caso de lume tratándose como é o caso de estradas que pasan por zonas arboradas.
No BNG imos tomar as seguintes medidas, por unha banda esixirlle ao Alcalde que se dirixa á Deputación e arranxe esta situación urxentemente,  por outra banda o noso deputado provincial Xesus Vivero Soto fará a mesma demanda no ente provincial.
Para o BNG este é un exemplo da mala xestión da deputación provincial e tamén é un exemplo de cómo un ente alonxado dos veciños e veciñas non é quen de dar unha resposta acaída aos seus problemas.