xoves, 18 de febreiro de 2016

O goberno de Fene propón á Deputación varios proxectos de seguridade viaria en estradas provinciais

O responsable de infraestruturas viarias e varios técnicos visitaron a estrada da Armada

 e zonas de Barallobre e Magalofes


O goberno local de Fene recibiu na mañá de onte ao responsable provincial de Intraestruturas viarias, vías e obras provinciais e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño. A cita tivo como obxectivo facer entrega de expedientes, memorias e proxectos elaborados polo goberno municipal e considerados como de alto interese para o municipio, como é a habilitación dunha senda peonil na estrada da Armada (Maniños), outra en Magalofes desde a igrexa ao local social e unha máis desde os institutos de Barallobre e ata o cemiterio municipal. Isto permitiría o tránsito de peóns de xeito seguro nestas zonas, onde o paso a pé é moi frecuente. Ademais, na contorna dos institutos tamén se proxecta a mellora da seguridade viaria con nova sinalización lumínica e pasos de peóns elevados.

O alcalde, Juventino Trigo, o tenente alcalde e concelleiro de servizos, Antón Noceda, e a concelleira de Tráfico e Seguridade Viaria, Sandra Permuy, acompañaron a José Manuel Pequeño e aos técnicos nunha visita ás tres zonas, onde puideron comprobar de primeira man a necesidade de acometer estas obras. De feito, segundo declarou o alcalde “amosaron moi boa disposición e actitude activa de colaboración”. Polo tanto, Juventino Trigo agarda “que poidan comezar moi pronto con algunha destas obras, todas elas vellas demandas veciñais e moi necesarias para garantir a seguridade das persoas que camiñan por estes lugares”.


Plans Provinciais ao día

Estas obras, a realizar de xeito directo pola Deputación, completaranse cos plans provinciais a executar polo Concello, que xa están a ser consensuados coas sociedades e listos para ser presentados e aprobados. Polo tanto, en palabras do alcalde “o actual goberno ten os plans provinciais de 2015 executados e moi avanzado o proxecto para 2016, o cal significa que estamos ao día na realización destas obras, a pesar do que queira dar a entender o Partido Popular, que o único que fai é falar do pasado”.




martes, 16 de febreiro de 2016

Medio Ambiente proxecta a construción dunha área recreativa con parque para cans en San Valentín

A concellería de Medio Ambiente de Fene traballa xa na posta en marcha dunha grande área recreativa a carón da praia de San Valentín. Contará con zona de barbacoas e mesas, parque infantil e biosaudable e máis un parque para cans, o primeiro que existirá no municipio fenés.

Trátase dun proxecto a realizar en dúas fases, cun orzamento total de 125.000 euros, e a primeira delas dará comezo antes do verán. A concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar, sinala que “se trata dun proxecto consensuado co tecido asociativo de San Valentín”, e que “vai contribuir ao obxectivo programático do goberno de construir un municipio do século XXI”.


Mariela Aguilar
Concelleira de Medio Ambiente


O temporal pasa por Perlío sen inundacións do río Cádavo

Por outra banda, as xestións da concellería de Medio Ambiente para evitar as constantes inundacións do río Cádavo en Perlío resultaron efectivas nesta ocasión, dado que a limpeza do cauce conseguiu que o último temporal de auga pasara pola localidade sen provocar inundación ninguna.





venres, 5 de febreiro de 2016

A nova ordenanza de usos de Vilar do Colo xerará novos proxectos de emprego en Fene


A entrada en vigor da ordenanza de usos do Polígono Industrial de Vilar do Colo o pasado mes de decembro implicará a xeración de arredor de medio cento de postos de traballo no parque empresarial fenés. O feito de poder ampliar usos permitirá que se xeren actividades de tipo complementario ao industrial e novos usos como o comercial, social ou hostaleiro, entre outros. En concreto, trabállase xa na posta en marcha dun tanatorio, e na construción dun hotel e dunha superficie comercial dunha cadea de alimentación. Ademais, xa están a funcionar un establecemento de hostalería e máis unhas instalacións deportivas de pádel.


Para o alcalde de Fene, Juventino Trigo, trátase dunha oportunidade para que novas empresas se radiquen no municipio en igualdade de condicións grazas as normas aprobadas no Pleno de novembro pasado. 

En palabras do alcalde ”ao chegar ao goberno tiven que clausurar actividades que non estaban permitidas pero que alguén autorizou verbalmente, que xeraron inseguridade xurídica e desigualdade entre as persoas emprendedoras. Porén, nestes momentos todas os proxectos e actividades son legais e contan con toda a solvencia normativa precisa.”



Por último o alcalde de Fene, Juventino Trigo, lamenta a oposición revanchista do PP cando tiveron 4 anos para aprobar a Ordenanza de usos de Vilar do Colo que, co actual goberno, se fixo en poucos meses.












xoves, 28 de xaneiro de 2016

Visita a Navantia-Fene

Representantes do Goberno Municipal de Fene visitaron o pasado día 27 de xaneiro as instalacións de Navantia-Fene. Visita na que estiveron acompañados da dirección de Navantia Fene e responsabeis da empresa Windar Renobables.


Durante a xornada o alcalde, Juventino Trigo, coñeceu de primeira man os traballos desenvolvidos por la UTE Winder-Navantia. Isto é proxectos eólicos (Jacket e Hywind) desenvolvolvidos nos talleres de Imenosa, bloques planos e grada.

Durante a visita acadouse o compromiso de colaboración entre a empresa e o Concello en temas de  formación e emprego así como se comprobaron as obras de mellora que están a desenvolver no astelerio.










mércores, 30 de decembro de 2015

Feliz 2016!

A Asemblea Local do BNG de Fene desexa a toda a militancia, simpatizantes e veciñanza un Feliz ano 2016.

Hoxe teremos uns petiscos no noso local a partir das 20h. onde todo o mundo está convidado.


venres, 4 de decembro de 2015

Candidatos da Comarca de NÓS-Candidatura Galega

Continuar coa senda iniciada polo nacionalismo galego nas Cortes no ano 1996, facendo de NÓS, candidatura galega a voz e a forza da nosa comarca. Eis o compromiso da candidata e candidatos da comarca que forman parte das listas de NÓS-Candidatura Galega para as eleccións do vindeiro 20 de Decembro. 


Ilusionad@s en partillar unha candidatura que provén da pluralidade, da xenerosidade e do compromiso co País; ao tempo que conscientes da responsabilidade de facer nosa a reclamación dunha comarca que quere defender o dereito a producir, vivir e traballar na propia terra.
A partir de hoxe comezou un traballo intenso, como facemos no día a día. Coa xente, e para a xente. Aí estamos NÓS !!!





· Manuel Polo (vice-responsábel comarcal do BNG e ex portavoz municipal do BNG de Fene)
· Beatriz Bascoy (Alcaldesa de Moeche)
· Secundino García (Alcalde de S. Sadurniño)




xoves, 3 de decembro de 2015

Exhibición de deporte inclusivo no Polideportivo "O Ramo"

O pasado luns 30 de novembro o Polideportivo  Municipal "O Ramo" de Barallobre acolleu unha actividade para dar a coñecer o deporte inclusivo con participantes das escolas de deporte adaptado da Mancomunidade e alumnado do CEIP o Ramo.

Ao longo da xornada, coa asistencia do alcalde de Fene Juventino Trigo e representantes municipais de concellos da Comarca, houbo exhibicións de slalom en cadeira de rodas, boccia, baloncesto en cadeira de rodas e baile, nas que puideron participar os propios alumnos e alumnas do centro para coñecer por si mesmos estas modalidades, de acordo co enfoque inclusivo desta iniciativa.  

As escolas de Deporte Inclusivo da Mancomunidade contan cunha subvención da Deputación da Coruña, e na súa impartición colaboran as entidades ADM (Boccia, Slalom e Tenis), Basketmi (baloncesto), Vida Activa (baile) e COGAMI (pilates). 

Destacar que no Pavillón Polideportivo "O Ramo" se desenvolve  os xoves de  17:30 a 19:00 a actividade Baloncesto en cadeira de rodas. Actividade enmarcada no Programa de deporte e actividade física adaptada e inclusiva.

Juventino Trigo animouse a probar co "Slalom en cadeira de rodas"