xoves, 24 de agosto de 2017

A oposición de Fene rexeita o debate sobre a participación dos non adscritos nas comisións informativas

No día de onte o goberno local de Fene tiña convocada unha Comisión informativa de Organización extraordinaria. Nesta Comisión tratábase de reorganizar a representación nas Comisións Informativas. Esta reorganización faise necesaria logo da expulsión dous concelleiros de Somos Fene do seu grupo político (PDD de Galicia). A expulsión derívase de ter asinado estes a moción de Censura o pasado 6 de xuño, razón pola que o PDD Galicia, partido creado por parte dos integrantes da Marea para as municipais de 2015, expulsou aos seus edís en Fene César Castro e Xoán Manuel Rodríguez.


A partir dese momento os dous concelleiros pasan a ser Non adscritos, tal e como contempla a lei, da nova situación deuse conta no Pleno ordinario de agosto xunto cos informes xurídicos da Secretaría Municipal que así o xustificaban.


Perdidos os dereitos como grupo político dáse unha nova situación na que os dous concelleiros manteñen dereitos individuais. Entre estes dereitos está o de ter presenza en todas as Comisións Informativas.


Toda a oposición, con Gumersindo Galego do PP de portavoz, rexeitou a urxencia da Comisión e polo tanto obstaculizaron que os dous concelleiros teñan representación en todas as comisións vulnerando o dereito á información e os seus dereitos individuais como concelleiros.


Para o BNG de Fene resulta totalmente anormal que se intente paralizar e crispar a vida municipal con asuntos que son de trámite. A actitude da oposición responde á desesperación de ver que o Concello de Fene funciona con normalidade e eficacia con 5 persoas no goberno. Dende que se frustrou a presentación da moción de censura o boicot é total por parte do conxunto da oposición paralizando asuntos importantes como a desafectación da escola do Pedrón de Magalofes para facilitar o arranxo da antena dos radioafeccionados ou o rexeitamento de parte dos acordos do persoal municipal en canto á relación de postos de traballo municipal.









mércores, 12 de xullo de 2017

Dous anos na alcaldía

Dispoñible un novo boletín editado polo Grupo Municipal do BNG de Fene con motivo dos dous anos ao frente da alcaldía de Fene: Actuacións e xestións do goberno de Fene, a transformación como alternativa na xestión do BNG, a moción de censura frustrada do PP, PSOE e SOMOS FENE... etc.








venres, 2 de xuño de 2017

O BNG AGARDA QUE O PSOE RECTIFIQUE O APOIO A UNHA MOCIÓN DE CENSURA CO PP EN FENE

Os nacionalistas de Fene, a través da súa portavoz local Digna Faraldo, amosaron a súa preocupación pola situación do PSOE na localidade. Para o BNG o PSOE na localidade foi un aliado para acadar o obxectivo de que Fene contase cun goberno alternativo ao do PP. Os incumprimentos co orzamento de 2016 levaron ao Alcalde a cesalos das súas competencias, máis desde o BNG sempre mantivemos as canles de comunicación coa organización socialista a diferentes niveis.

Lamentamos que o do portavoz local dos socialistas impedise manter un goberno forte e unhas relacións políticas propias dunha institución con 5 forzas políticas onde o equilibrio e a diplomacia deberían  ser a base para mellorar os servizos públicos e a atención á veciñanza.

En canto á posible moción de censura, é algo evidente que o PP alí onde pode compra vontades. Para os populares os custes políticos son mínimos e os beneficios moitos. O PP trata as institucións como cortellos individuais de cada un deles nos que pesan os intereses persoais e non a atención á veciñanza. A acción de goberno do BNG e IU está clarísimo que se atopa nas antípodas do PP. Nas formas e no fondo, transparencia, igualdade, rigor e traballo fronte ao favor, o caciqueo, os enchufes, as papatorias e as chapuzas. 

Para o BNG estamos no reto de pasar dous anos gobernando para o pobo ou desenmascarando ao PP e os seus aliados. Nós sabemos onde estamos e cales son as nosas funcións, e as nosas prioridades pasan pola mellora do benestar do noso pobo, favorecer espazos de liberdade e igualdade de oportunidades, mellora dos servizos públicos e un compromiso coa nosa lingua e cultura .







martes, 18 de abril de 2017

Nota do Grupo de Goberno do Concello de Fene acerca da investigación aberta sobre as presuntas irregularidades na venda de refugallos e chatarra

En relación coas informacións publicadas ao respecto da suposta venda ilegal de chatarra pertencente ao Concello de Fene, desde o equipo do goberno municipal queremos trasladarlles os seguintes datos e consideracións sobre esta cuestión, en exercicio da debida transparencia cara á cidadanía e da obrigada responsabilidade e respecto para coa institución pública á que representamos.

Os primeiros indicios sobre a cuestión xurdiron dunha pregunta formulada o pasado 28 de decembro no transcurso da Comisión Informativa de organización e Seguridade, na que se cuestionaba o destino final dunha venda de chatarra feita a unha empresa de tratamento deste tipo de materiais radicada no propio concello.

Porén, a pregunta foi tamén unha alerta para que este equipo de goberno indagase se desde o Concello se estaban vendendo refugallos metálicos e, de ser así, como se estaban fiscalizando os ingresos. O resultado desa indagación interna fundamentou a sospeita de que poderían estarse producindo irregularidades reiteradas nese sentido alomenos desde 2013 e, ante esa sospeita avalada por diversos testemuños, desde o goberno local -e co asesoramento dos servizos técnicos municipais- comisionouse a axentes da Policía Local de Fene para que se investigase o asunto e se procedese á tramitación das correspondentes dilixencias se se detectaba algún ilícito penal.

As investigacións policiais constataron que se efecturaran vendas nunha chatarrería directamente por parte de persoal municipal e que, polo tanto, estas non terían seguido os cauces regulamentarios para o alleamento nin para a fiscalización dos ingresos. Nese mesmo momento, e ao ter constancia dos feitos, a concelleira delegada de Organización ordeou o cesamento inmediato dese proceder que, segundo parece, viña sendo habitual e que mesmo podería terse dado no caso da venda irregular de numerosos báculos de farois retirados da avenida das Pías e doutras zonas do municipio.

En paralelo, os datos recabados pola Policía Local debidamente dilixenciados trasladáronse á Garda Civil. Así, neste momento os feitos aos que se refiren as dilixencias están sendo investigados pola institución armada sen que, polo de agora, haxa aberto procedemento xudicial algún que afecte a persoal municipal ou cargos políticos.

Por todo o anterior, desde o goberno local  queremos agradecer o esforzo, a profesionalidade e o rigor co que desempeñou o seu deber a Policía Local de Fene. Por outra banda tamén queremos facer constar que como equipo de goberno promovemos a investigación destas circunstancias conscientes de estar cumprindo cun deber tanto legal como moral e co obxectivo único de preservar e defender o interese público, que está por riba de calquera interese particular ou partidario.

Desexamos, ademais, que se chegue ao fondo da cuestión e que, de existir algún delito, a Xustiza esixa as responsabilidades ás que haxa lugar. Porén, mentres non chegue ese momento agardamos que as investigacións se desenvolvan coa maior axilidade posible, ofrecendo para iso a nosa total colaboración. Con todo, tamén pedimos dos medios e da cidadanía -á que manteremos puntualmente informada cando existan datos contrastados- que se respecte a presunción de inocencia e que se eviten xuízos paralelos. Un desexo do que queremos facer partícipe especialmente ao colectivo de traballadores e traballadoras do Concello de Fene, que día a día mostra a súa valía, responsabilidade e compromiso co servizo público.





venres, 3 de febreiro de 2017

O PP de Fene encubre os recortes da Xunta en materia de formación e emprego

O BNG de Fene esíxelle ao PP rigor na información que traslada publicamente.


O BNG de Fene lamenta que, logo de catro anos de goberno, o portavoz do PP no Concello descoñeza o xeito de funcionamento da Consellería  de Emprego da Xunta de Galicia dirixida polo seu propio partido político.

Os recortes do PP en formación foron significativos pasando nos últimos anos de Escolas obradoiro de dous anos para un Concello e corenta alumnos/as a Escolas obradoiro de seis meses  para cinco concellos e vinte alumnos, isto é o que tería que explicar publicamente o portavoz do PP, os enormes recortes en materia de formación e emprego da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia na que goberna o PP en lugar de darlles cobertura.

No período 2011-2015 de goberno popular en Fene  tamén se “perden”, usando a súa linguaxe,  subvencións para a formación e o emprego tal  e como se indica: 

·NO ANO 2012 DENÉGASE UNHA SUBVENCIÓN  SOLICITADA POLO CONCELLO PARA UN OBRADOIRO DE EMPREGO

·NO ANO 2015 DENÉGASE UNHA  SUBVENCIÓN PARA UN OBRADOIRO DE EMPREGO CONXUNTAMENTE CON ARES –CABANAS 

No ano 2016 solicitáronse dous obradoiros de emprego conxuntamente con os Concellos de Ares, Cabanas, Neda e Mugardos, un foi denegado pola Consellería de Emprego e outro estase a levar a cabo con 20 alumnos/as e unha duración de seis meses.





domingo, 22 de xaneiro de 2017

O PP tumba as enmendas do BNG no Parlamento Galego

Entre as emendas nacionalistas atopábanse  as propostas do concello de Fene por valor de 800.000 €. O BNG en Fene tiña solicitado o traspaso das competencias de mantemento e gastos enerxéticos do Centro de saúde e do CPI da Xunqueira que a pesar de ser competencia autonómica aínda sostén en parte o Concello de Fene.

Por outro lado solicitábanse 3 actuacións importantes como os servizo de auga da traída nas zonas altas do concello (Magalofes e Sillobre)  un centro de día para persoas maiores e unha aula de educación física no IES de Fene.

No caso da auga, trátase dunha demanda histórica de veciños e veciñas que non teñen aceso a auga da traída pola altitude na que se atopan e precisan dun deposito adicional para que a auga se distribúa por gravidade e cunha presión aceptable.

As outras dúas actuacións, centro de dia e aula de educación física, son equipamentos educativos e sociais imprescindibles para mellorar a calidade de vida das persoas do noso pobo.

En vindeiras datas o goberno local iniciará xestións para que a Xunta de Galicia tome conciencia destas necesidades e se comprometa a poñelas en marcha.






xoves, 5 de xaneiro de 2017

Ridículo do PP na presentación da moción sobre "as mentiras do Alcalde" en relación aos traballos de retirada de lodos na EDAR de Maniños

O Pleno do Concello de Fene aprobou cos votos a favor do PP e a abstención de PSOE e Somos Fene a moción de reprobación ao alcalde de Fene por mentir no Pleno do 1 de Nadal de 2016 sobre a execución da sentenza que ordena o vaciado dos lodos da depuradora de Maniños. A moción contou cos votos en contra do BNG e IU.

No debate evidenciouse que o PP sustanciou a moción nunha mentira, o Alcalde de Fene non falou no pleno de 1 de decembro sobre este asunto. Foi no punto de rogos e preguntas no que o Concelleiro de obras e urbanismo explicou os traballos que se estaban a desenvolver para cumprir a sentenza. 

A moción pide 3 cuestións:
1) Que o alcalde explique porque mentiu.
2) Reprobar a actitude do alcalde por non dar cumprimento á sentenza.
3) Solicitar a dimisión do alcalde pola súa incapacidade de xestionar os asuntos dos veciños de Fene.

O punto primeiro que da título á moción é mentira, polo que Juventino Trigo díxolle ao PP se querían retirar a moción por partir dunha incerteza. Estes negáronse e mantiveron a moción a debate.
No segundo punto, o alcalde nacionalista explicou que se procedera co valeirado dos líquidos e de 297 metros cúbicos de lodos. Que se continuaba a traballar e que a empresa comunicaba semanalmente os avances nos traballos de execución da sentenza. A sentenza firme que ven a resolver o litixio da competencia do valeirado da depuradora en desuso de Maniños carece de datas concretas para o remate dos traballos. O PP gobernou 4 anos e en lugar de xestionar adicouse a litixiar con varias empresas prestadoras de servizos públicos. O punto terceiro careceu de debate, xa que ningún grupo fixo referencia ao mesmo. Ninguén pediu a dimisión do Alcalde.

Na opinión do Consello Local do BNG a oposición non traballa, non asisten aos órganos colexiados, ás xuntas de voceiros, mesas de negociación, órganos de avaliación e asisten ao Pleno desinformados e cunha actitude obstaculizadora, paralizando asuntos importantes como  orzamentos ou a modificación da  relación de postos de traballo.