martes, 27 de novembro de 2012

Película, foro-debate e cogomelos contra a violencia de xénero

O BNG de Fene convida a participar neste acto o vindeiro xoves 29, a partir das 19.30


Dentro dos actos de conmemoración do día internacional contra a violencia machista, o BNG de Fene propón unha actividade aberta a toda a cidadanía que queira achegarse ao seu local (Avda. Naturais 41-43 traseira) este xoves 29 ás 19.30 horas.
 
A película Te doy mis ojos, dirixida por Icíar Bollaín e protagonizada por Luís Tosar e Laia Marull, é a elixida para proxectar e para dar pé ao posterior foro-debate, tralo cal, haberá unha degustación de cogomelos para todos e todas as presentes.

 
 
 

mércores, 31 de outubro de 2012

O ALCALDE DE FENE RETIRA DA ORDE DO DÍA A SUBIDA DE TAXAS E IMPOSTOS DEBIDO Á FALLA DE APOIOS NO PLENO

A anunciada negativa do BNG de apoiar a subida da taxa da recollida do lixo e do imposto de rodaxe de vehículos foi a tese maioritaria do pleno do concello de Fene celebrado este pasado martes. O resto da oposición tamén se opuxo á subida, polo que o alcalde popular Gumersindo Galego, retirou o asunto da orde do día impedindo que se votasen ambos asuntos. Para o BNG é sorprendente que logo de convocar un Pleno sen ter feito o traballo previo de estudo das ordenanzas fiscais  chegado o punto da orde do día sexan retirados os asuntos para non sufrir unha derrota e quedar de manifesto a falla de competencia do goberno local.
O Alcalde actúa demagóxicamente cando “vendeu” a conxelación de taxas e impostos para este ano e todos podemos ver os recibos da contribución que teñen subas do 9% que implican entre 20 € dun piso de 40 anos en San Valentín e os 50 € dunha vivenda unifamiliar de 10 anos. Para o BNG este é o momento da sensibilidade de cara as persoas desempregadas, xubiladas que lle conxelan as pensións e  taballadores que ven reducidos os seus salarios, polo que as medidas deberían ir na liña contraria á da subida a discreción e que para o BNG pasaría por unha política fiscal progresiva e redistributiva.
Ademais deste asunto o concelleiro de facenda elevou ao pleno dúas propostas máis como foi a derogación da ordenanza forestal e a declaración de indisponibilidade dos cartos procedentes da paga de Nadal do persoal do Concello. As dúas propostas foron rexeitadas polo conxunto da oposición. No asunto da ordenanza forestal pedimos desde o BNG que se elaborara unha nova proposta antes de derogar a existente. No tema da declaración de non dispoñibilidade do diñeiro  destinado á paga de Nadal, os nacionalista opuxémonos a esta medida e reclamamos o cumprimento do acordo plenario no que se aprobou a compensación da paga de nadal.  O  PP foi incapaz de explicar os motivos desta proposta que non xeran beneficio algún nin para os veciños nin para o persoal municipal. Para o portavoz nacionalista, Manuel Polo "detrás desta medida  ocúltase a intención de engordar ás aseguradoras a través dos plans de pensións xerando liquidez no sistema financieiro á conta do persoal ao servizo da administración".


luns, 29 de outubro de 2012

A SUBIDA DE TAXAS E IMPOSTOS DO PP EN FENE CONTARÁ COA OPOSICIÓN DO BNG

O alcalde popular de Fene, Gumersindo Galego, ten convocado un pleno extraordinario para mañá martes as 8:30 no que, entre outros asuntos, tratará a subida do 3,4% do Imposto de vehículos de tracción mecánica, máis coñecido como a rodaxe. Tamén recolle a proposta de subir o 3,4% a taxa da recollida do lixo. Para o BNG de Fene non ten xustificación algunha esta subida de taxas cando non existe un traballo previo de valoración dos ingresos do Concello. O PP xa subiu a recollida de lixo e conxelou o resto de taxas e impostos para uns meses máis tarde subir a contribución urbana no entorno dun 10%. O BNG demandou en reiteradas ocasións un tratamento global das taxas e impostos acompañada dunha política de exencións e bonificacións en función dos ingresos. As previsións económicas para o 2013 son peores que as actuais polo cal o Concello debería prever as dificultades polas que vai pasar moitos veciños para facerse cargo das taxas e impostos. O portavoz nacionalista Manuel Polo afirmou que "as propostas deste tipo non poden contar co apoio do BNG polo que votaremos NON no Pleno a esta subida de impostos"



venres, 19 de outubro de 2012

Acto da fin de campaña comarcal en Perlío

Hoxe venres a partires das 21:30 celebramos o acto comarcal de fin da campaña na Praza da Escola de Perlío (diante da A.VV de Perlío) coas intervencións dos candidatos comarcais ao Parlamento: Fernando Branco, Manuel Polo e Mercedes Tobío, actuacións musicais e Magosto popular. 

Grazas a tod@s @s que nos botástes unha man nesta campaña!



sábado, 29 de setembro de 2012

Francisco Jorquera celebra este luns en Fene o 30 aniversario do BNG



O pasado 26 de setembro cumpríronse 30 anos desde a formación do Bloque Nacionalista Galego na Asemblea de Riazor. Para celebralo, o candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, partipará nunha charla-coloquio que se celebrará este luns, 1 de outubro, no Círculo de Perlío, a partir das 20 horas.




Jorquera estará acompañado pola responsábel local do BNG de Fene, Digna Faraldo, así como polos candidatos da comarca de Ferrolterra ao Parlamento de Galiza: Manuel Polo (Fene) e Fernando Branco Parga (As Pontes). Participarán tamén cidadáns relacionados co sector naval e co marisqueo, os dous sectores produtivos de maior relevancia na zona. Ademais, haberá un coloquio aberto a todas as persoas que queiran participar.

As contradicións sobre os floteis supostamente contratados á mexicana PEMEX, os problemas coas bateas ou o saneamento da ría serán algúns dos temas a tratar neste acto, no que o BNG exporá as súas propostas nestes eidos e as súas alternativas de cara as vindeiras eleccións do 21 de outubro.




xoves, 27 de setembro de 2012

Francisco Jorquera en Fene

Convidámosvos ao Acto Púbico que desenvolverá o BNG no Círculo C.R.D. de Perlío este luns 1 de outubro ás 20:00 horas, no que falarán:

·Manuel Polo Gundín 
(Portavoz do grupo municipal do BNG de Fene e candidato nº9  ao Parlamento pola provincia d'A Coruña)

·Fernando Branco Parga 
(Deputado e candidato nº4)

·Francisco Jorquera Caselas 
(Candidato á presidencia da Xunta)


Presenta o acto a responsábel local do BNG de Fene, Digna Faraldo.

https://www.facebook.com/events/415532168496642/

PARA FACERLLES FRENTE, GOBERNEMOS NÓS A NOSA TERRA!



mércores, 19 de setembro de 2012

O BNG de Fene satisfeito co arquivo da denuncia contra Rivera Arnoso


A responsábel local nacionalista, Digna Faraldo, quere amosar a satisfacción do BNG de Fene ante o arquivo da denuncia presentada contra o ex alcalde nacionalista de Fene Xosé Maria Rivera Arnoso por falsificación. 
 
Os nacionalistas de Fene queremos manifestar que o BNG gobernou 28 anos con eficacia e transparencia e que  o ex-alcalde socialista Iván Puentes obrou de mala fe na denuncia contra Rivera Arnoso xa que sabía que tan so había un "atallo" administrativo para non perder unha subvención no seu momento.  
O alcalde socialista intentou obter vantaxe política  duns feitos concretos desacreditando a xestión de 28 anos do BNG en Fene.  A realidade é teimuda e demostrou que o Psdeg-PSOE  gobernou 4 anos ineficazmente e xudicializando a política local e o que resulta máis grave incapaz de realizar as obras para as que tiña fondos por máis de 2,5 millóns de euros.  
As obras na casa de propiedade municipal, obxecto da denuncia, segue sen rematar e o PP, actualmente no goberno, vai renunciar a 200.000€ que lle deu a deputación no mandato anterior por ser incapaz de sacar adiante a  contratación desta obra.  A antiga Casa de Cela  está en ruínas. Hoxe vemos como fronte ao intento de rehabilitala atopámonos a mala fe de uns e a ineficacia dos outros.

Para o portavoz nacionalista no concello Manuel Polo Gundín “ e lamentábel o estado de ruínas da casa, por iso imos esixir responsabilidades políticas polo deterioro do patrimonio municipal ao alcalde actual e  ao anterior”.