martes, 17 de abril de 2018

O BNG LAMENTA O ESPECTÁCULO DO PRIMEIRO PLENO DO GOBERNO DO PP-SOMOS FENE

Cun Pleno urxente  o novo bipartito de Fene impón ata os horarios e os días das Comisións Informativas, algo inaudito nos case  40 anos de concellos democráticos. O fondo e a forma dos asuntos a tratar era evidente que traerían un intenso debate entre os censores PP-Somos Fene, e o concelleiros do goberno saínte BNG-IU. 

O que non agardábamos no BNG era a mala educación, machista e desagradable do portavoz de Somos Fene que  logo dunha intervención da portavoz do Grupo mixto e concelleira de IU,despachouse cun "me la suda" 

Pois neste Pleno onde se aprobaron as dedicacións exclusivas, as horas e os días das comisións máis os representantes do Concello en diferentes órganos o Alcalde censor lonxe de ordenar o debate riulle a mala educación e as faltas de respeito ao seu socio, o portavoz transfuga de Somos Fene. Os papeis están ben definidos, os transfugas fanlle o traballo suxo ao PP dando estopa sen a máis mínima educación e os populares rinlle as grazas.  

Quedan 14 meses de dura oposión, control e seguiento do novo goberno, por parte do BNG,  que conta con maioría absoluta e no que xa se ve a faciana du PP  intolerante e trapalleiro.








domingo, 15 de abril de 2018

O NOVO ALCALDE DE FENE CONVOCA UN PLENO URXENTE PARA REPARTIR AS DEDICACIÓNS EXCLUSIVAS

Cobrará o dobre que Juventino Trigo e paga o apoio de Somos Fene cun salario para César Castro


Unha semana despois da moción de censura de Fene, o alcalde censor, Gumersindo Galego, convoca un Pleno extraordinario e urxente para este luns ás 9 da mañá co obxectivo de repartise as dúas dedicacións exclusivas dipoñibles. Os preto de 41.500 euros brutos anuais (41.405,85 exactamente) que Juventino Trigo repartía entre parte do seu equipo de goberno (20.701 para el e 10.352 para Sandra Permuy e Justo Martínez Ardá) serán percibidos agora en exclusiva polo alcalde censor, Gumersindo Galego, que non asume ningunha competencia máis alá da coordinación do goberno, mentres que Trigo era tamén o responsable da área de Facenda, Patrimonio e Promoción Económica. A segunda dedicación exclusiva, que co anterior goberno non se adxudicou a ninguén, vai agora para o concelleiro tránsfuga de Somos Fene, César Castro, que pasa cobrar así os favores realizados.

Acláranse así os motivos da rocambolesca moción de censura que prosperou en Fene o pasado 06 de abril por orde xudicial despois de que, en agosto de 2016, o BNG explusara do goberno a Somos Fene e ao PSOE por poñer os seus intereses persoais por enriba do servizo á cidadanía. Máis alá do sobre custo do goberno censor, a demanda da dedicación exclusiva no último minuto para César Castro foi unha das razóns que fixo saltar polos aires o acordo tripartito en agosto de 2016. Naqueles días vivimos o paradoxo de que o PSOE non usaba a dedicación exclusiva que tiña de 27.701€ e ao tempo impedía que o concelleiro de Somos Fene tivese unha. 

Nin o BNG, nin o alcalde Juventino Trigo, podía encabezar un goberno no que os intereses persoais estivesen por enriba do servizo público. No BNG apostamos por unha compensación lóxica aos cargos públicos, pero en ningún caso imos antepoñer as asigancións económicas á nosa acción política. Nós non participamos nas institucións para resolver as situacións persoais dos cargos electos.

A forma de convocar, pola vía da urxencia e sen falar coa oposición, cal vai ser a liña democrática destes próximos 13 meses. O portavoz nacionalista, Juventino Trigo, afirma que "en  Fene rematou a transparencia."








xoves, 12 de abril de 2018

O BNG de Fene convoca Asemblea local aberta

O BNG de Fene chama aos seus militantes e simpatizantes a participar na vindeira Asemblea Local aberta, que terá lugar mañá venres 13 de abril ás 20.00 na sede nacionalista na avenida Naturais 41-43 baixo traseira. Nesta xuntanza avaliarase a situación política actual e os pasos a seguir de cara ás vindeiras eleccións municipais. A Asemblea local será aberta a todas as persoas simpatizantes e militantes e tratará de recoller todas as opinións e propostas de actuación para ter o máximo acordo e acadar unha proposta política gañadora.

Ademais de dar conta polo miúdo das diferentes frontes xudiciais abertas e das súas polibles consecuencias, os nacionalistas definirán a súa estratexia de oposición municipal, como auditores dos pasos do goberno censor.

Nun segundo punto trataranse as liñas xerais das municipais 2019, coa constitución de dúas comisións executivas, para a elaboración dunha proposta de candidatura e a redacción dun programa político.

O Consello Local  agradece o apoio amosado nas últimas datas ao Alcalde Juventino Trigo e, por extensión, ao seu goberno, e dará conta na asemblea de todos os apoios e mostras de solidariedade recibidas.




domingo, 4 de marzo de 2018

Actividade do BNG de Fene polo Día da Muller

Como cada ano o BNG de Fene conmemorará o Día Internacional da Muller cunha actividade que cada ano tentamos que sexa diferente, esta é a nosa proposta para este ano. Animádevos! As prazas son limitadas e será necesario comunicárnolo no correo fene@bng.gal




venres, 2 de febreiro de 2018

O PP VIVE DAS TROLAS AO ESTILO DE DONALD TRUMP

A última “nova” difundida polos populares de Fene é propia da pluma de Calleja ou Green, un conto. 

Afirmar que a rotonda de San valentín está abandonada non resiste a evidencia, ou dicir que o paseo marítimo está descoidado, só responte aos paus de cego de quen de súpeto quere facer oposición a base de notas de prensa. Sá hai que pasear pola zona para ver que está en bo estado de conservación e que o goberno local actúa, como fixo coa última instalación de alumeado na parte que conecta o Polideportivo da Xunqueira co anfiteatro, o paseo marítimo e a Avenida do mar.

A única evidencia que existe é que Fene funciona, os servizos básicos competencia do Concello realizanse día a día e os proxectos novos están nas mans da maioría do Pleno. No caso do barrio de San Valentín os tres grupos da oposición ( PP, PSOE e Somos Fene) negáronse a aprobar un proxecto de máis de 200.000 € para construir unha zona de lecer nos prados existentes na contorna da praia de San Valentín, obras que consisten no drenado, axardinamento, dotación de zonas recreativas con mesas e barbacoas ademais dunha zona de esparcemento canina. Este proxecto responde a unha demanda do Centro de Promoción social de San Valentín.
No BNG vemos con sorpresa como o PP é incapaz de facer unha soa proposta constructiva, sendo a súa actuación impropia, de que se di forza de goberno, actuando como trileros coa xudicialización da políticia local, o matonismo e a mentira.

Rotonda de San Valentín

xoves, 23 de novembro de 2017

25N - Día internacional contra a violencia machista

O BNG de Fene, coma todos os anos, organiza un acto para conmemorar o 25N - Día internacional contra a violencia machista. Este ano consistirá nunha andaina urbana desde a Casa do Concello de Fene até a parroquia de San Valentín onde nos sumaremos ao acto organizado pola Marcha Mundial das Mulleres na nosa comarca. SÚMATE A LOITAR CONTRA ESTA LACRA.




venres, 27 de outubro de 2017

COMUNICADO DO BNG EN RELACIÓN AO PLENO DE MOCIÓN DE CENSURA EN FENE

Onte á mañá a primeira hora rexistrouse no Concello de Fene un escrito asinado polo partido Participación Democrática Directa de Galicia, as siglas baixo as que se presentaron ás eleccións os concelleiros de Somos Fene. Neste escrito, dirixido á mesa de idade, reafírmanse na súa decisión de expulsar aos concelleiros César Castro e Xoán Manuel Bastida da súa organización política e, polo tanto, solicitan á mesa de que exclúa do cómputo da votación ao estes dous concelleiros. Visto este escrito e as súas consecuencias, a mesa de idade paraliza o pleno porque non se dan as condicións que marca a lei electoral para a celebración da moción de censura.

A presentación deste escrito reafirma o feito de que estes dous concelleiros son tránsfugas e non están en condicións de asinar unha moción de censura, independentemente de que o procedemento na vía xudicial siga o seu curso normal.

Desde o BNG consideramos que, aínda que nesta ocasión non lles teña saído ben o segundo intento, hoxe é un día triste para Fene. É un día triste porque o partido dos 800 imputados por corrupción, o partido do que quedou “abrumadoramente acreditado” segundo a fiscalía, que se financian cunha caixa B, nun intento desesperado por ocupar os sillóns, apóiase en dous tránsfugas, dous tránsfugas rexeitados por toda a sociedade, rexeitados en numerosas ocasións pola súa propia organización e polas que se dicían afíns.

Queremos agradecer tamén o xesto do partido Participación Democrática Directa de Galicia e o esforzo realizado para confirmar que os dous concelleiros de Somos Fene non os representan.

Dende o BNG emprazamos a toda a oposición de Fene para que, a partir de hoxe, contribúan ao bo funcionamento do Concello.

Nós, pola nosa parte, seguiremos traballando na mesma liña desde agora mesmo.