venres, 7 de xuño de 2013
venres, 10 de maio de 2013
Constitúese a Comisión de investigación do contrato de limpeza, mantemento e conserxería das instalacións deportivas de Fene
Este mércores deron comezo os traballos da Comisión de investigación que trata de aclarar e aportar información aos grupos municipais do desfase entre o servizo contratado e o realmente facturado.
Foi no pasado Pleno do 2 de maio onde se aprobou por unanimidade a creación desta Comisión de investigación. Para o BNG, que foi quen fixo a proposta, é necesario por branco sobre negro neste asunto. Existen irregularidades como é que se facturou dúas veces polo mesmo traballo, “isto ou ten unha explicación ou hai alguén que terá que ter responsabilidade” afirmou o portavoz Manuel Polo.
Xa no mes de marzo tivera que comparecer a concelleira Rocío Bértoa a petición dos nacionalistas, naquela comparecencia quedaron cuestións sen aclarar, e máis ben serviu para confundir máis a quen non tivese toda a información.
Na Comisión constituída este mércores os nacionalistas solicitaron unha aclaración polo miúdo de todas as facturas da empresa Eulen emitidas nos meses que leva desenvolvendo o contrato e ao tempo que o goberno explique as grandes diferenzas económicas existentes entre o contrato elaborado en 2012 e o que se está a licitar na actualidade. Son uns 60.000 de diferenza que non tiveron unha explicación soportada documentalmente cun informe técnico.
venres, 3 de maio de 2013
TRES INICIATIVAS DO BNG ENCHEN DE CONTIDO O PLENO DE FENE DO MES DE MAIO
As iniciativas nacionalistas son as que ocuparon a parte principal do Pleno ordinario de maio onde o goberno so levou unha proposta. O BNG presentou, no pleno ordinario de onte, dúas mocións; unha na que se rexeitan as políticas do Goberno central contrarias aos intereses de milleiros de familias afectadas pola fraude das participacións preferentes e subordinadas que vén como o PP legaliza o roubo dos seus aforros a través da imposición dunha quita e da imposición dun troco obrigatorio por accións de nula solvencia. Ademais a moción declara persoas non gratas no noso concello aos 15 deputados e deputadas do PP de Galiza polas graves consecuencias que o seu apoio incondicional á aprobación de normas que legalizan as quitas ás persoas titulares de participacións preferentes e débeda subordinada. Esta moción foi aprobada coa abstención do PP.
Por outro lado aprobouse por unanimidade unha segunda moción na que se solicita a creación dunha comisión de investigación conformada por todos os Grupos Municipais para aclarar, e se é o caso depurar, as responsabilidades existentes derivadas do contrato de mantemento, limpeza e conserxería das instalacións deportivas. Trátase dun tema que sigue sen estar claro e no que desde o BNG esiximos transparencia.
Por último os nacionalistas presentamos unha proposta de regulamento de acollementos civís. Este regulamento foi demandado por pais e nais que tiñan a vontade de celebrar a inscrición no concello do seu fillo ou filla. Trátase de darlle formalidade e protocolo a un acto civil que no fondo é unha benvida á comunidade á que ven a formar parte unha nova persoa normalmente un bebe. Esta proposta tamén foi aprobada por unanimidade.
xoves, 2 de maio de 2013
O GOBERNO DO PP EXCLÚE ÁS EMPRESAS LOCAIS DUNHA ADXUDICACIÓN DE 577.O25,48 €
O Grupo Municipal do BNG rexeitou participar na Mesa de Contratación que ten que adxudicar os servizos de limpeza, mantemento e conserxería das instalación deportivas do Concello de Fene por un importe de 577.025,48 máis IVE para tres anos. A razón fundamental desta postura dos nacionalistas ven determinada pola aprobación pola Xunta de Goberno Local dunhas condicións para presentarse ao que non poden acceder as empresas de Fene nin da Comarca de Ferrol. O prego de prescricións administrativas esixe clasificacións en mantemento e limpeza do nivel máis alto e que está orientado para favorecer ás grandes empresas multiservizos e que impiden na práctica o acceso das empresas locais. En toda a provincia da Coruña tan só hai 3 empresas que contan coas dúas clasificacións esixidas.
“En pleno debate do Plan de reactivación económica e polo emprego non é de recibo que o goberno de Fene impida o acceso aos concursos ás empresas locais favorecendo ás multinacionais” afirmou o concelleiro nacionalista Juventino Trigo.
As ofertas presentadas hoxe no Concello veñen a confirmar este extremo criticado polo BNG, xa que as empresas son dúas de Madrid, unha de Valladolid, unha de Segovia e a última de Bilbao.
venres, 26 de abril de 2013
ROSANA PÉREZ PREGUNTA A MONTORO SE 'SE EMPEZARON A CORTAR AS “CHAPAS” NOS ESTALEIROS DE NAVANTIA NA RÍA DE FERROL' COMO O MINISTRO DIXO EN FEBREIRO
A deputada
do BNG pide unha solución urxente para os estaleiros galegos porque o Goberno
ten o deber de que non se perdan xa máis postos de traballo
A deputada do
BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha pregunta dirixida ao Goberno para
preguntarlle que carga de traballo existe para os estaleiros públicos de
Navantia na Ría de Ferrol.
A qué “chapas”se refería Montoro?
Rosana Pérez alude ás afirmacións realizadas polo
Ministro Cristóbal Montoro no pleno do pasado 13 de febreiro, que en resposta á
pregunta formulada por esta
deputada sinalou que “en marzo se van empezar a cortar chapas”.
“Dado que non houbo novos traballos en Navantia,
nen no pasado mes de marzo nen agora no mes de abril, ¿A qué se refería o
Ministro de Facenda cando nesa sesión afirmou que “en marzo se ían empezar a
cortar chapas”? De qué chapas se trata?”, pregunta a deputada do BNG . E quer
que o Ministro explique que carga de traballo concreta existe e para canto
tempo.
Fixeron a solicitude formal ante a UE sobre o dique
flotante?
Outra das cuestións que a parlamentar nacionalista pón
enriba da mesa é a relativa ao dique flotante. Lembra que tamén lle preguntamos
a “Montoro por esta necesaria infraestructura e a negativa do Goberno a
promovela cando daría carga de traballo para case dous anos”.
Máis en febreiro “o Ministro eludiu respostar sobre o
dique flotante e tan só dixo que o “Goberno non descartou nada”. Mentras tanto,
as mesmas autoridades comunitarias desvelaron que o Executivo español non tiña
realizado ningunha solicitude formal para poder construir o dique flotante.
Por iso Rosana Pérez dirixe unha serie de preguntas ao
Ministro para sabe se se ten dirixido de maneira formal á UE para demandar a
construcción do dique flotante, quer sabe se o Goberno español xa descartou
definitivamente a posibilidade desta infraestructura, e nese caso, a que se
debería.
Están negociando que se levante o veto sobre Navantia
Fene?
Outras das cuestións que a parlamentar do BNG non
esquece é o veto que desde hai anos pesa sobre Navantia Fene para
construir buques civís. “Un tema que debería ser unha prioridade na axenda e
nas negociacións do Goberno en Bruxelas, e algunha vez o Goberno apuntou que estaba
pendente desta cuestións pero nunca soubemos se estos contactos podían derivar
en algo máis tanxíbel”.
De aí que pregunte ao Executivo se está a realizar
algunha xestión ante a UE para que se levante o veto sobre Navantia Fene, e de
ser así, “Existe flexibilidade por parte da UE para que se desbloquee esa
situación que tanto limita ao noso estaleiro?”.
luns, 22 de abril de 2013
Reelixido o Consello Local de Fene por unanimidade da asemblea
Digna Faraldo encabeza o órgano e
Xosé Antonio García Bello
pasa a ser o vice-responsábel
A única lista presentada para conformar o Consello Local do BNG de Fene
foi aprobada por unanimidade da asemblea celebrada o pasado venres 19 de abril.
Trátase dunha reelección do mesmo equipo conformado hai un ano e encabezado por
Digna Faraldo, que continúa como responsábel local. Cambia a
vice-responsabilidade, na que Xesús Cea cede a testemuña a Xosé Antonio García
Bello, e entra María Sánchez en sustitución de Alba García, que non renova por
motivos de incompatibilidade laboral.
Despois de pouco máis dun ano de traballo, o actual Consello Local
presentou ante a Asemblea un completo informe de xestión, que tamén foi
aprobado por unanimidade, e decidiu, co respaldo da militancia, continuar a súa
andaina nos meses vindeiros, nos que se presentan retos importantes como as
eleccións europeas de 2014 e as municipais de 2015.
A lista
presentada polo Consello Local e aprobada pola Asemblea é a seguinte:
- Digna Faraldo
- Xosé Antonio García
- Ledicia Trillo
- Manuel Vidal
- Sandra Permui
- Alberto Maceiras
- María Sánchez
- Xesús Cea
- Manuel Polo
Suplentes:
- Alba García
- Maribel Serantes
- Juventino Trigo
- Rita Couto
- Inés Roca
- Justo Martínez
mércores, 17 de abril de 2013
O BNG PIDE UNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN PARA ACLARAR A FACTURACIÓN DE EULEN NA ÁREA DE DEPORTES
Os nacionalistas vimos de rexistrar unha moción no concello para
aclarar a facturación de Eulen no servizo de limpeza, conserxería e mantemento
das instalacións deportivas. Desde o inicio do contrato en xuño de 2012 detectáronse
numerosas irregularidades tanto por parte de persoas usuarias, grupos
políticos, como da Intervención
municipal.
No pasado mes de febreiro solicitamos desde o BNG a
comparecencia da concelleira responsábel da área e ademais presidenta da Mesa
de contratación. No Pleno ordinario de marzo
tivo lugar a comparecencia solicitada. Na mesma, non aclarou as
diferenzas económicas existentes, as dobres facturacións e o sobrecuste
existente dunha cifra próxima aos 30.000 € en seis meses de contrato (xuño-novembro de 2012).
No ano 2013 sigue existindo a dobre facturación do contrato,
por unha banda o concello paga o
contratado máis a parte paga o mantemento do campo de fútbol que estaba
incluído no Prego de prescrición técnicas e administrativas. Con isto
atopámonos cun concurso manipulado e viciado de partida nuns 28.500 €.
A Xunta de Goberno aprobou un novo prego de prescricións
técnicas e administrativas que saíu publicado o pasado 23 de marzo. A contía
deste novo contrato pasa dos 171.000€ do ano 2012 a 232.733, aproximadamente
60.000 € máis ao ano de diferenza.
Ademais deste incremento económico o Prego esixe dúas
clasificacións que beneficia exclusivamente ás grandes empresas e deixa sen
opción a todas as empresas da comarca de Ferrolterra.
Por todo isto desde o GM do BNG pedimos a creación
dunha comisión de investigación conformada proporcionalmente por todos os
Grupos Municipais co obxectivo de aclarar, e se é o caso depurar, as
responsabilidades existentes derivadas do contrato de mantemento, limpeza e
conserxería das instalacións deportivas. Ademais os nacionalistas pretendemos
non demorar os traballos da comisión acordando un calendario no que a data tope
de conclusións sexa o mes de xuño de 2013.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)