sábado, 22 de xuño de 2013

O PP DE FENE EMPANTANA O PLAN DE EMPREGO E A BAIXADA DE IMPOSTOS PARA OS ORZAMENTOS 2013

Pasaron 6 meses desde que o BNG entregase aos grupos municipais a proposta de crear un Plan de reactivación económica e do emprego.  Os nacionalistas obrigamos ao PP a crear unha Comisión especial para elaborar o Plan. Ademais o orzamento do  ano 2013  debería estar condicionado por estas medidas, tanto no aspecto de creación de emprego, cos proxectos a desenvolver, como na mellora da política fiscal potenciando as exencións para as rendas máis baixas e favorecendo reducións e bonificacións  ao comercio e hostalaría.

Os pasos que deron os populares nestes meses foron en dirección contraria, na elaboración de ordenanzas fiscais, nas contratacións de persoal  e na contratación de empresas foron  xusto na dirección contraria ao proposto polo BNG no Plan de reactivación económica e do emprego.

 Na contratación de empresas excluíuse a todas as empresas da comarca na adxudicación máis importante feita no que vai de ano. A exclusión produciuse pola esixencia dunha clasificación en materia de mantemento que so teñen grandes empresas e que era innecesaria para a limpeza e mantemento das instalacións deportivas municipais.

 Na contratación de persoal, crearon unhas bolsas de substitucións dando tan so 5 días naturais para anotarse con total nocturnidade e sen dar conta aos grupos políticos ata que xa estaba o proceso iniciado.

 Por último nas ordenanzas fiscais, o PP propuxo e logo retirou da orde do día do último Pleno, unha ordenanza de terrazas nas que dicía que reducía a taxa pero aplicaban o prezo máximo que indicaba o informe técnico. Para o BNG é o momento de colaborar coa hostalería rebaixando ao máximo a taxa de terrazas.

 
Logo de 3 meses de traballos o alcalde foi incapaz de traer unha proposta de Plan de  reactivación económica e polo emprego.

 
 
 

martes, 11 de xuño de 2013

UNANIMIDADE NO APOIO Á FOLGA COMARCAL POR PARTE DO PLENO DO CONCELLO DE FENE

Os nacionalistas convidamos a toda a Corporación a realizar unha declaración institucional de apoio á folga xeral do vindeiro 12 de xuño. A resposta do conxunto da corporación foi o apoio unánime do seguite texto aprobado no Pleno ordinario do xoves pasado:

Declaración institucional sobre a folga xeral comarcal do 12 de Xuño

A corporación municipal do concello de Fene, perante a convocatoria de folga xeral na comarca para o vindeiro 12 de Xuño, manifestamos:

- Que a situación da nosa comarca atópase nunha fase crítica, por mor das políticas de destrucción dos nosos sectores produtivos, que levaron a un progresivo aumento do índice de desemprego – neste momento, o 32%, 10 puntos por riba da media galega – o progresivo aumento da emigración da nosa mocidade e, en definitiva, á depauperación económica e social no ámbito comarcal.

- Que perante esta situación, os diversos gobernos – tanto o do estado como a Xunta – non están a prantexar iniciativas políticas na defensa dos nosos sectores produtivos; mesmo incumprindo claramente os compromisos que se tiñan feito no seu momento a respecto dalgún deles, como o naval, o eólico, etc……

- Que, como representantes da cidadanía afectada por esta situación, entendemos que non só non debemos de permanecer ao marxe; senón que mesmo cúmpre que adoptemos unha posición activa na denuncia desta situación e na exixencia de medidas concretas aos gobernos para trocar esta situación.

Neste sentido, os grupos municipais do PP, PSOE, BNG e IU manifestamos:

1.- O noso apoio á convocatoria de Folga Xeral para o dia 12 de Xuño, así como o compromiso de favorecer desde a institución municipal o chamamento á participación da mesma ao conxunto da cidadanía do noso concello.

2.- A exixencia aos gobernos do estado e a Xunta para a concreción de medidas e prazos concretos para abordar iniciativas na defensa do emprego e dos nosos sectores produtivos.

3.- O chamamento aos diversos sectores sociais, políticos, empresariais, sindicais, entidades e insituciónais da comarca para a conformación dun foro/ente que, ao fío da mobilización, se articule como instrumento de presión/negociación das demandas comarcais.

(O Pleno do concello está composto por 17 persoas, 6 do PP, 5 do Psoe; 5 do BNG e 1 de IU)

 


venres, 10 de maio de 2013

Constitúese a Comisión de investigación do contrato de limpeza, mantemento e conserxería das instalacións deportivas de Fene

Este mércores deron comezo os traballos da Comisión de investigación que trata de aclarar e aportar información aos grupos municipais do desfase entre o servizo contratado e o realmente facturado.
 
Foi no pasado Pleno do 2 de maio onde se aprobou por unanimidade a creación desta Comisión de investigación. Para o BNG, que foi quen fixo a proposta, é necesario por branco sobre negro neste asunto. Existen irregularidades como é que se facturou dúas veces  polo mesmo traballo, “isto ou ten unha explicación ou hai alguén que terá que ter responsabilidade” afirmou o portavoz Manuel Polo.
 
Xa no mes de marzo tivera que comparecer a concelleira Rocío Bértoa a petición dos nacionalistas, naquela comparecencia quedaron cuestións sen aclarar, e máis ben serviu para confundir máis a quen non tivese toda a información.
 
Na Comisión constituída este mércores os nacionalistas solicitaron unha aclaración polo miúdo de todas as facturas da empresa Eulen emitidas nos meses que leva desenvolvendo o contrato e ao tempo que o goberno explique as grandes diferenzas económicas existentes entre o contrato elaborado en 2012 e o que se está a licitar na actualidade. Son uns 60.000 de diferenza que non tiveron unha explicación  soportada documentalmente cun informe técnico.
 
 

venres, 3 de maio de 2013

TRES INICIATIVAS DO BNG ENCHEN DE CONTIDO O PLENO DE FENE DO MES DE MAIO

As iniciativas nacionalistas son as que ocuparon a parte principal do Pleno ordinario de maio onde o goberno so levou unha proposta. O BNG presentou, no pleno ordinario de onte, dúas mocións; unha na que se rexeitan as políticas do Goberno central contrarias aos intereses de milleiros de familias afectadas pola fraude das participacións preferentes e subordinadas que vén como o PP legaliza o roubo dos seus aforros a través da imposición dunha quita e da imposición dun troco obrigatorio por accións de nula solvencia.  Ademais  a moción declara persoas non gratas no noso concello aos 15 deputados e deputadas do PP de Galiza polas graves consecuencias que o seu apoio incondicional á aprobación de normas que legalizan as quitas ás persoas titulares de participacións preferentes e débeda subordinada. Esta moción foi aprobada coa abstención do PP.
 
Por outro lado aprobouse por unanimidade unha segunda moción na que  se solicita a creación dunha comisión de investigación conformada por todos os Grupos Municipais para aclarar, e se é o caso depurar, as responsabilidades existentes derivadas do contrato de mantemento, limpeza e conserxería das instalacións deportivas. Trátase dun tema que sigue sen estar claro e no que desde o BNG esiximos transparencia.
 


Por último os nacionalistas presentamos unha proposta de regulamento de acollementos civís. Este regulamento foi demandado por pais e nais que tiñan a vontade de celebrar a inscrición no concello do seu  fillo ou filla. Trátase de darlle formalidade e protocolo a un acto civil  que no fondo  é unha benvida á comunidade á que ven a formar parte unha nova persoa normalmente un bebe.  Esta proposta tamén foi aprobada por unanimidade.


 
 
 


xoves, 2 de maio de 2013

O GOBERNO DO PP EXCLÚE ÁS EMPRESAS LOCAIS DUNHA ADXUDICACIÓN DE 577.O25,48 €

O Grupo Municipal do BNG  rexeitou participar na Mesa de Contratación que ten que adxudicar os servizos de limpeza, mantemento e conserxería das instalación deportivas do Concello de Fene por un importe de 577.025,48 máis IVE para tres anos. A razón fundamental desta  postura dos nacionalistas ven determinada pola aprobación pola Xunta de Goberno Local dunhas condicións para presentarse ao que non poden acceder as empresas de Fene nin da Comarca de Ferrol. O prego de prescricións administrativas esixe clasificacións en mantemento e limpeza do nivel máis alto e que está orientado para favorecer ás grandes empresas multiservizos e que impiden na práctica o acceso das empresas locais. En toda a provincia da Coruña tan só hai 3 empresas que contan coas dúas clasificacións esixidas.
 
“En pleno debate do Plan de reactivación económica e polo emprego non é de recibo que o goberno de Fene impida o acceso aos concursos ás empresas locais favorecendo ás multinacionais” afirmou o concelleiro nacionalista Juventino Trigo.
 
As ofertas presentadas hoxe no Concello veñen a confirmar este extremo criticado polo BNG,  xa que as empresas son dúas de Madrid, unha de Valladolid, unha de Segovia e a última de Bilbao.




 
 
 
 
 

venres, 26 de abril de 2013

ROSANA PÉREZ PREGUNTA A MONTORO SE 'SE EMPEZARON A CORTAR AS “CHAPAS” NOS ESTALEIROS DE NAVANTIA NA RÍA DE FERROL' COMO O MINISTRO DIXO EN FEBREIRO



A deputada do BNG pide unha solución urxente para os estaleiros galegos porque o Goberno ten o deber de que non se perdan xa máis postos de traballo

 

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha pregunta dirixida ao Goberno para preguntarlle que carga de traballo existe para os estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol.

A qué “chapas”se refería Montoro?

Rosana Pérez alude ás afirmacións realizadas polo Ministro Cristóbal Montoro no pleno do pasado 13 de febreiro, que en resposta á pregunta formulada por esta deputada sinalou que “en marzo se van empezar a cortar chapas”.

 “Dado que non houbo novos traballos en Navantia, nen no pasado mes de marzo nen agora no mes de abril, ¿A qué se refería o Ministro de Facenda cando nesa sesión afirmou que “en marzo se ían empezar a cortar chapas”? De qué chapas se trata?”, pregunta a deputada do BNG . E quer que o Ministro explique que carga de traballo concreta existe e para canto tempo.

Fixeron a solicitude formal ante a UE sobre o dique flotante?

Outra das cuestións que a parlamentar nacionalista pón enriba da mesa é a relativa ao dique flotante. Lembra que tamén lle preguntamos a “Montoro por esta necesaria infraestructura e a negativa do Goberno a promovela cando daría carga de traballo para case dous anos”.

Máis en febreiro “o Ministro eludiu respostar sobre o dique flotante e tan só dixo que o “Goberno non descartou nada”. Mentras tanto, as mesmas autoridades comunitarias desvelaron que o Executivo español non tiña realizado ningunha solicitude formal para poder construir o dique flotante.

Por iso Rosana Pérez dirixe unha serie de preguntas ao Ministro para sabe se se ten dirixido de maneira formal á UE para demandar a construcción do dique flotante, quer sabe se o Goberno español xa descartou definitivamente a posibilidade desta infraestructura, e nese caso, a que se debería.

Están negociando que se levante o veto sobre Navantia Fene?

Outras das cuestións que a parlamentar do BNG non esquece é o veto que desde hai anos pesa sobre  Navantia Fene para construir buques civís. “Un tema que debería ser unha prioridade na axenda e nas negociacións do Goberno en Bruxelas, e algunha vez o Goberno apuntou que estaba pendente desta cuestións pero nunca soubemos se estos contactos podían derivar en algo máis tanxíbel”.

De aí que pregunte ao Executivo se está a realizar algunha xestión ante a UE para que se levante o veto sobre Navantia Fene, e de ser así, “Existe flexibilidade por parte da UE para que se desbloquee esa situación que tanto limita ao noso estaleiro?”.